133 millóns máis para o pulo da banda larga

luns, 10 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Actividades de dixitalización dos Cibervoluntarios, apoiadas polo Plan Avanza

O Ministerio de Industria vén de conceder unha nova partida de apoios para o espallamento dun acceso á Internet de calidade. Máis polo miúdo, trátase dunha achega de axudas por valor de 133 millóns de euros “para a implantación de infraestruturas de rede de banda larga”. As axudas, incluídas no Plan Avanza2, exercicio 2010, consisten en empréstitos brandos dispoñibles para as empresas que centran a súa actividade no fornecemento de servizos de acceso á Sociedade do Coñecemento: os operadores de telecomunicacións. En total, impulsaranse 73 proxectos desta índole.
Os obxectivos desta nova partida de financiamentos parten da base mesma do proceso de espallamento da banda larga. Deste xeito, entre outras cousas posibilitarase o despregue dos equipamentos precisos para o fornecemento de servizos de banda larga con velocidades de baixada de polo menos 1 Mbps, para a poboación que arestora carece da devandita cobertura. Este subministro de acceso básico abranguerá 19 proxectos por un importe total de 57,56 millóns Asemade, incluirase unha segunda liña de actividade para o pulo á banda larga de alta velocidade. Este proceso paralelo dará acubillo a 54 proxectos e a un financiamento íntegro de 75,78 millóns de euros.

PUBLICIDADE