1.200 cidadáns empregaron xa a ferramenta de seguimento do Plan de Banda Larga

luns, 21 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O espallamento da banda larga que está a impulsar a Secretaría Xeral de Modernización en certas áreas xeográficas da nosa terra (aquelas que a xuízo da Xunta máis fican a contrapelo duns accesos ás redes cun mínimo de calidade) inclúe dende o pasado 10 de xaneiro un complemento web para consultarmos até onde está a chegar, precisamente, este espallamento. Segundo informa estes días Modernización, a ferramenta en liña consolidouse coma un recurso imprescindíbel do proceso. Tanto é así, engade, que dende a súa posta en marcha até o pasado 15 de febreiro, foi consultada xa por un total de 1.200 usuarios, interesados en informarse da situación do Plan de Banda Larga no seu núcleo de poboación a través do Rexistro de Demandantes ReDe.
Este recurso, accesible dende a web de Modernización, vai alén da simple achega de información fornecendo aos cidadáns demandantes de conexión dun formulario de inscrición que dá acubillo á súa solicitude perante futuros traballos de despregue. Neste senso, ao longo do primeiro mes de vida do servizo até 200 persoas sen cobertura levaron a cabo o dito proceso. “Esta información”, engade a Xunta, “permite realizar un seguimento do plan e contribuír á planificación das actuacións previstas no Plan”.

PUBLICIDADE