Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta, visitou a pasada fin de semana Xuventude Galiza Net, co fin de falar directamente cos mozos e mozas reunidos na que é xuntanza informática máis importante do noso país. Durante o seu percorrido polo Palacio de Congresos e Exposicións, que tamén lle serviu para verifica-lo progreso das diferentes actividades (coloquios, xogos e concursos), tivo tempo para falar con Carlos Roma, xornalista de Código TV e Código Cero, quen lle preguntou (entre outras cousas) que opinión lle merecían os mozos e mozas que se reúnen durante tres días baixo un mesmo teito e con acceso ininterrompido ás redes.A xuízo de Quintana, Xuventude Galiza Net é a proba de que a mocidade galega non é fonte de problemas, nin de ruídos nin de mala educación. “Todo isto amosa ás claras que temos unha mocidade moi sá”, comentou. -É a edición máis solidaria?
-É evidente. Aquí hai moita xente desfrutando e que ó mesmo tempo vén aquí traendo coñecemento, ilusión e vontade de aprender dos demais. Hoxe en día, que cada vez que se fala da xuventude fálase de líos, de problemas e de mala educación e eu veño de estar nunha sala onde había máis dun milleiro de persoas e non había unha palabra máis alta cá outra. Isto que vin, con moita xente adulta é practicamente imposible. -E non sería pola súa presenza?
-Non, non, incluso antes de que eu chegara. É así e comentáronme de que foi así durante todo o día. Todo isto amosa ás claras que temos unha mocidade moi sá. -Estamos nun bipartito, e o mellor triunvirato é Xuventude, Galiza e Internet?
-Non é en absoluto unha mala combinación. O que se pretende dende esta actividade da Vicepresidencia é amosar que se pode e se debe navegar polo mundo dende Galiza sen perder a nosa identidade. E o binomio Xuventude e Internet é fundamental. Porén, a combinación de tres factores como Xuventude, Galiza e Internet é moito mellor aínda. -O que separa a esta edición das anteriores vai máis alá do cambio de nome (xa que onde antes era Xuventude Galicia Net agora é Xuventude Galiza Net)?
-Hai diferenzas e hai semellanzas entre esta edición e as anteriores. E non podemos negar que hai cousas en común, porque cando unha cousa é boa o mellor é recoñecelo e dicilo, con independencia de quen o faga. A idea que propiciou isto foi unha boa idea, aínda que non a fixeramos nós. O que pasa é que eu penso que era unha idea que se podía levar a cabo aquí ou en calquera parte do mundo. Nós quixemos demostrar que se podía facer así de ben, ou incluso mellor, pero en Galiza, tendo en conta sempre a nosa identificación co idioma e a nosa cultura. Esta é unha das principais novidades. E o feito de aproveitar as novas tecnoloxías para espalla-la nosa lingua e, ó mesmo tempo, deixar que os demais nos ensinen cousas, porque para iso debe server a globalización. E, amais diso, fíxose un especial esforzo en que o encontro fora de todos e de todas e que a xente con dispacidades tivera a oportunidade de estar aquí e desfrutar tamén con isto. Estas foron algunhas das novidades introducidas, e haberá moitas máis en vindeiras edicións. -Para cando unha “Terceira Idade Galiza Net”?
-Pois sería un bo reto, porque queremos achegar as novas tecnoloxías a tódalas franxas de idade e tamén, por suposto, ós nosos maiores. As novas ferramentas deben ser un elemento fundamental para evitar a exclusión social. Así o entendemos dende a Xunta e, polo tanto, tomo nota da suxestión.