Código Cero - Diario Tecnolóxico
DIARIO DIXITAL

Novas Tecnolóxicas de Galicia con boletíns por correo electrónico e edición en papel nos quioscos galegos.

PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS


Martes, 7 de Setembro de 2010

               

Firma convidada


Fernando Garrido
Membro do Observatorio para a CiberSociedade e Analista Social en ENTER

Creative Commons, coñecemento aberto

Creative Commons fundouse no ano 2001 co apoio do Center for the Public Domain e con expertos en propiedade intelectual na súa dirección, como James Boyle, Michel Carroll ou Lawrence Lessig. Na actualidade a Standford Law Schoool e o Center for Internet and Society albergan as oficinas centrais da organización.
Entre os obxectivos principais desta organización está a creación dun espazo que promova, ao tempo que garanta, o intercambio de traballos de artistas e científicos como xeito de protexer unha cultura de coñecemento aberta nacida na esfera académica. Nace así a páxina web desta entidade, como espazo de coordinación deste proxecto, aínda que coa advertencia explícita de que CC non é unha firma legal nin prové servizos legais, co que o uso das súas licenzas non implican unha relación avogado-cliente.
A filosofía de CC está claramente baseada na Licenza Pública Xeral - GNU da Free Software Foundation, un dos elementos empregados polo movemento do Software Libre para protexer os seus desenvolvementos e aplicacións. Aínda que existe unha diferenza fundamental entre estes dous tipos de licenza e radica no obxecto de protección: mentres que a licenza GPL-GNU é unha licenza que se emprega de xeito maioritario cara a protección de programas e aplicacións informáticas, as licenzas de Creative Commons están dirixidas cara a protección da propiedade intelectual de “contido”. Na propia terminoloxía de Lawrence Lessig, mestre en Stanford e unha das principais figuras nos debates sobre a propiedade intelectual, a diferenza entre a licenza GPL e a CC radica en que xorden e están pensadas para capas diferentes.
A base da división analítica en tres capas está formada pola infraestrutura, que se corresponde coa parte “Física” de Internet, a saber, servidores, cabos, satélites e demais hardware. Esta capa, ao igual que as outras dúas, é esencial no funcionamento e na comprensión da Rede, pero ten unha diferenza fundamental coas outras dúas: é a única tanxíbel, que se pode ver ou tocar.
A segunda capa, denominada “capa lóxica” ou “capa do código”, está formada polos compoñentes brandos que fan funcionar a infraestrutura, é dicir, o software e as aplicacións informáticas, mentres que os contidos conforman a capa superior de Internet. Coñecemento, Información, Dados e demais tanxíbeis que circulan a través das infraestruturas e grazas ás aplicacións da capa lóxica.
Neste senso, a propia organización de CC nace coa preocupación polo que se denomina “cerre das capas superiores da Rede”, un peche que fai referencia aos dereitos de propiedade intelectual, en xeral, e ao copyright en concreto. As licenzas elaboradas por CC permiten unha cesión de dereitos mais ampla que o tradicional Copyright, pero non deixan de ser unha ferramenta de xestión da propiedade intelectual, é dicir, non se cuestiona en ningún caso o propio termo de “propiedade intelectual”, como si se fai dende outros eidos do Copyleft.
Actualmente as licenzas Creative Commons están completamente operativas e adaptadas á xurisdición local en 21 países, e estase a traballar en 14 próximas xurisdicións e en 10 países estanse a dar os primeiros pasos. No estado español presentouse a transposición (tradución e adaptación legal) das licenzas fai un ano, en outubro de 2004 en Barcelona, coa tradución ao catalá e ao castelán. Dende xullo e grazas ao esforzo do Consello da Cultura Galega traducíronse ao galego estas licenzas, un feito “simbólico”, xa que estas licenzas xa estaban presente no eido cultural galego por medio do Blogmillo (a comunidade dos blogs galegos), por os deseñadores gráficos “Aduaneiros sem fronteiras” ou polo propio Consello da Cultura Galega.
Na Rede, son múltiples as aplicacións que integraron as licenzas Creative Commons nos seus dispositivos. Flickr, unha páxina web que permite xestionar e almacenar fotografías dixitais e que evolucionou cara unha Rede social, permite licenciar as fotografías coas diferentes licenzas de Creative commons, ata o punto de almacenar, a comezos de setembro de 2005, máis de catro millóns de fotografías con estas licenzas, converténdose así, nunha das maiores bases documentais fotográficas da Rede. Yahoo integrou no seu buscador unha aplicación para buscar documentos con licenza CC e varias das cadeas máis importantes do mundo, como a BBC, ofertan parte do seu contido con este tipo de licenzas.
O máis relevante, ao noso criterio, destas licenzas radica en que forman parte dunha apropiación social da Rede por parte da sociedade. Blogs, Podcast, Flickr, Tags, Folksonomías… son conceptos que xiran entorno ao contido xerado pola sociedade, contido que é envorcado na Rede e Creative Commons aparece como modelo de propiedade intelectual alternativo ao restritivo copyright. Dende fai uns meses estas licenzas están traducidas ao galego, dende fai uns meses é posíbel abrir os contidos galegos empregando estas licenzas.



Outros convidados
Moncho Paz
Moderador de Xanela Aberta en Código TV
Manuel José Fernández Iglesias
Director Xeral de Comunicación Audiovisual
Moncho Paz
Moderador de Xanela Aberta en Código TV
Rede Compostela Wireless
unha ponte sobre a fenda tecnolóxica
Modesto Pena
fala da Internet sen fios
Pilar Rojo Noguera
Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado
Javier Franco Tubío
Vicedecano Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia
Belén Prado Sanjurjo
Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relación Laborais
Manuel Balseiro
Director xeral de FEUGA


















Caixa Galicia







PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS

Grupo Código Cero Comunicación
UNINOVA- Recinto MercaGalicia
Polígono Industrial do Tambre - Vía La Cierva s/n
15890 Santiago de Compostela
Teléfono 981 51 96 00 Extensión 36 - 981 93 63 24
Telefax 981 55 77 07
webmaster@codigocero.com

AETG - EGANET