O CITIC presentou en Santiago a aplicación que nos lembra de xeito automático onde deixamos aparcado o automóbil

mércores, 3 de decembro do 2014 Fernando Sarasketa

Calquera que se tivera achegado co coche a un centro comercial ou a unha grande infraestrutura de calquera tipo con aparcamento acorde ás súas dimensións tivo que pasar algunha vez por unha situación de desconcerto ante a imposibilidade (máis ou menos estendida no tempo) de atopar o automóbil. A escena pódese acurtar máis ou menos (hai a quen o desconcerto dúralle un segundos, e hai quen se pasa horas dando voltas polo aparcamento trabucado), pero case con toda probabilidade todos os condutores pasamos por ela. Para pórlle remedio coa axuda do noso dispositivo, porque a tecnoloxía ten respostas para todo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, CITIC, desenvolveu unha aplicación chamada LocYu, da que xa temos falado noutras ocasións en Código Cero salientando o seu potencial para facilitarnos a condución e estacionamento. Precisamente este mércores presentouse en Santiago a súa vertente destinada a impedir que o coche se nos extravíe nos aparcamentos, falamos de LocYu Parking, que é quen de memorizar a praza por nós e de xeito automático.
A presentación, celebrada nun espazo especialmente acaido para a implantación do servizo (o Centro Comercial As Cancelas), contou coa presenza de investigadores do CITIC, da empresa galega Plexus e da devandita superficie comercial compostelá, o primeiro centro en apostar de cheo pola aplicación. Segundo se fixo saber en detalle, LocYu Parking é unha ferramenta de balde que podemos instalar no noso smartphone ou tableta, dispoñíbel para Android e para iOS, e que ten a capacidade de memorizar de xeito automático a praza na que teñamos estacionado o noso vehículo. Isto permite que teñamos á nosa disposición, de solicitala, a ruta máis curta e idónea para chegar ao coche, unha funcionalidade moi a ter en conta para calquera usuario pero sobre todo para aqueles usuarios de mobilidade máis reducida (persoas de idade, familias con nenos pequenos, mulleres embarazadas, persoas en cadeiras de rodas, enfermos, etc). A aplicación fai uso da tecnoloxía Bluetooth BL para detección automática, e segundo fixeron saber os responsábeis do seu desenvolvemento e adaptación “resulta especialmente práctica para grandes superficies con aparcamentos baixo terra onde chega o sinal do GPS nin se dispón de cobertura móbil”. De feito, o Bluetooth enche á perfección estes baleiros de tecnoloxía.
A ferramenta LocYu Parking, como lembraremos, foi desenvolvida pola Área de Sistemas de Comunicacións Sen Fíos do CITIC, amais do software para dispositivos móbiles. O recurso compleméntase con radiobalizas baseadas en tecnoloxías estándar que se despregan nos espazos internos das grandes superficies “con total comodidade e cun mínimo de mantemento”, de feito teñen autonomía para períodos de arredor de cinco anos. Todos estes detalles e funcionalidades foron explicados ao detalle (na presentación celebrada nas Cancelas) por Carlos Escudero, investigador do CITIC, quen fixo saber que o sistema fornece tamén un SDK e un API para a integración en aplicacións de terceiros.
Escudero, que tamén coordinou unha demostración práctica do funcionamento do sistema (desenvolvida no propio aparcamento subterráneo do Centro As Cancelas, onde estaba habilitada un área específica para tal efecto, con radiobalizas e un coche de Plexus dotado dun dispositivo co servizo descargado), explicou aos medios de comunicación que LocYu trata de responder e dar solución a unha pregunta ben concreta: Onde deixamos o coche cando chegamos a unha gran superficie e como chegamos a el? Ao fío disto, o investigador do CITIC sinalou que a resposta tecnolóxica á cuestión debía ser eficaz e útil, pero tamén doada. De feito, dixo, a aplicación LocYu Parking funciona de xeito totalmente automático unha vez que a teñamos descargada no dispositivo. O único que se require, amais de tela no noso aparello, é que os centros comerciais que poidan estar interesados fagan unhas pequenas adaptacións nas súas infraestruturas para poder achegar o servizo aos seus clientes, adaptacións que teñen relación directa coa posta en marcha das ditas radiobalizas. Escudero tamén lembrou que o presentado hoxe é unha primeira versión da ferramenta, e que esta estará suxeita, como é lóxico e natural, a vindeiras actualizacións.
Na presentación tamén estivo presente o coordinador do centro coruñés CITIC, Manuel F. González Penedo, quen sinalou que a ferramenta xorde da aplicación directa da experiencia en I+D dos investigadores do centro coruñés, sendo o resultado “unha mostra máis da confluencia entre a Universidade e a Empresa a favor da transferencia tecnolóxica, un dos nosos principais obxectivos”.
Tamén participaron na cita cos medios Juan Martínez, director da Área de Desenvolvemento de Plexus, empresa responsábel do despregamento no Centro Comercial As Cancelas, e máis Abraham Castro Cano, xerente do devandito centro, quen lembrou que coa implantación do servizo, "poñemos a disposición dos clientes a tecnoloxía necesaria para que as súas estadías nas Cancelas sexan experiencias únicas que os conviden a volver".

PUBLICIDADE