O CITIC amosa o potencial da transferencia tecnolóxica nunha sesión demostrativa

xoves, 3 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Esta mañá o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Telecomunicacións (CITIC) do Campus de Elviña quixo demostrar as oportunidades que para as empresas poden supor os proxectos que están a desenvolver, para o que realizaron unha serie de sesións demostrativas de tecnoloxías que están nun estado moi maduro, de xeito que poderían integrarse en servizos e produtos comerciais tirando proveito do potencial da transmisión dos resultados de investigación que tan necesaria é para pór en valor o papel dos centros tecnolóxicos.
O primeiro proxecto en amosar as súas posibilidades foi FilmYou, que facendo un de tecnoloxías baseadas nos paradigmas MapReduce e NoSql toma a colección de películas de Netflix (con 100 millóns de valoracións de 480.000 usuarios sobre 18.000 películas) e emprega este caso de Big Data para converterse nunha plataforma distribuída de recomendacións de películas. Esta solución podería ser moi atractiva para plataformas audiovisuais, aínda que tamén podería adaptarse a outros dominios totalmente distintos.
Outra solución presentada foi MIASOFT, que é un software de monitorización intelixente da síndrome de apneas do sono, resultado de dez anos de investigación e que analiza sinais monitorizadas en pacientes sometidos a polisomnografía nocturna, supondo grandes vantaxes médicas, así como pode empregarse como ferramenta formativa.
Máis visual foi a presentación de VGLiDAR, unha tecnoloxía que permite determinar a distancia dende un emisor láser a un obxecto ou superficie empregando pulsos de láser, o que permite obter unha nube de puntos d terreo escaneado creando unha representación tridimensional do mesmo, o que ten aplicacións prácticas bastante evidentes, como a xeolocalización, o cálculo e a visualización de datos, as medicións de xeometrías sobre a imaxe (alturas, traxectos, áreas...) e a realidade aumentada; o que actualmente pode realizarse a través dunha aplicación web en desenvolvemento que permite a visualización e os cálculos a partir dos datos LiDAR.
De cara ás plataformas televisivas pode ter grande interese Syntheractive, un proxecto de sistema distribuído capaz de xerar vídeo sintético e codificalo en tempo real, facendo uso de procesadores gráficos, facendo posible a creación de servizos interactivos masivos para a televisión dixital, facilitando en boa medida a adaptación dos contidos a numerosos e variados dispositivos clientes.
Tamén puido verse en funcionamento un dos proxectos do CITIC que acadou máis visibilidade nos últimos meses, SmartSocket, que é unha solución de enchufe intelixente controlable remotamente, orientado á protección contra sobre-consumos e curtocircuítos, que permite a monitorización e control de dispositivos eléctricos conectados a el mediante o propio dispositivo ou a través do smartphone, o tablet ou o ordenador persoal.
A xeito de colofón da xornada, presentouse a solución de localización en interior LocYu, que busca solucionar a carencia de cobertura GPS en interiores, para o que fai uso de sensores Bluetooth de baixa enerxía (con baterías que teñen unha duración de até 3 anos) que funcionan a xeito de baliza. Como exemplo desta tecnoloxía estreouse a aplicación para Android LocYu Rutas, que en breve contará cunha versión para iOS, e que actualmente funciona dentro do edificio do CITIC (onde se instalaron as balizas correspondentes) e que nos vindeiros meses chegará tamén á Facultade de Informática da Coruña. Esta aplicación servirá para moverse por dentro dos edificios a través dos seus planos, como facemos habitualmente cos sistemas de navegación GPS, e que aínda que actualmente se empregue no contorno académico, ten claras aplicacións comerciais, como podería ser a súa instalación en centros comerciais e incluso en aparcadoiros (para que os usuarios poidan saber onde deixaron o seu vehículo). Outra das aplicación desta tecnoloxía sería a súa implantación en empresas, onde podería ter unha grande utilidade para o seu control e a súa posta en marcha.

LocYu emprega pequenos dispositivos Bluetooth de baixa enerxía para facer posible a localización en interiores

PUBLICIDADE