Esta tarde Microsoft celebrou un evento para dar a coñecer 2 teléfonos móbiles, confirmándose os rumores e concretando o nome dos terminais ata o momento coñecidos coma Turtle e Pure, que finalmente teñen por nome KIN ONE e KIN TWO, que inicialmente serán comercializados por Verizon nos EE.UU. a partires do mes de maio e chegando a Europa da man de Vodafone no outono.
Microsoft KIN é unha aposta polos teléfonos móbiles orientados a un uso social que tanto esixe a mocidade actual, e que nace do traballo de Danger, compañía que desenvolveu o popular terminal T-Mobile Sidekick (tamén coñecido coma Danger Hiptop) e que foi adquirida pola compañía de Redmond, de xeito que deberiamos ver este anuncio coma unha medida de continuidade e non coma un cambio estratéxico, posto que Microsoft continuará apostando pola plataforma Windows Phone 7 (que converterase nunha realidade tanxible a finais de ano). A fabricación estes móbiles faise en colaboración con Sharp.

O sistema operativo destes terminais está baseado no Zune, de xeito que, aparte de permitir comunicarse con Facebook, MySpace e Twitter, tamén goza dunha reprodución multimedia completa, con soporte para audio, vídeo, reprodución de podcast e recepción de radio FM. Tamén soporta o acceso a música á carta mediante subscrición (Zune Pass).

Os contidos no móbil estarán cargándose constantemente á Rede, de xeito que a capacidade de almacenamento interna dos terminais pasará a un segundo plano, pois as fotografías e vídeos terán sempre un respaldo na Internet, de xeito que estarán sempre dispoñibles tanto dende un ordenador coma dende o propio terminal telefónico.
Cómpre destacar que este nosos terminais non deberían considerarse smartphones, pois non corren aplicacións instalables polo usuario (aínda que gocen dun potente procesador nVIDIA Tegra, que dótaos de grande fluidez), pero iso non será un atranco para o seu éxito entre os mozos, por combinar as bondades do T-Mobile Sidekick e do Zune HD.
Microsoft presenta 2 novos móbiles pensados para rapaces conectados
Compartir Este Artigo

