Arquivan a causa contra Rojadirecta.com

martes, 21 de xullo do 2009 Marcus Fernández

En agosto de 2007 Audiovisual Sport emprendeu accións legais de natureza penal contra o administrador da web galega Rojadirecta.com por un suposto delito contra a propiedade intelectual, e mesmo conseguiron que Google exercese certo veto sobre tal dominio de Internet valéndose da aplicación da lexislación norteamericana (DMCA), pero agora o Xulgado de Instrución nº 37 de Madrid de Madrid acorda o sobresemento provisorio e o arquivo da causa por non considerar «debidamente xustificada a perpetración de infracción penal», xa que dende a web denunciada só publican ligazóns con programas que permiten o visionado de retransmisións deportivas emitidas en aberto en canles televisivas de fóra de España. Estas aplicacións son de acceso libre e universal, e o acusado non recibe beneficios do seu uso (senón que limítase a percibir remuneración indirecta de publicidade na súa web).
O auto destaca que dende Rojadirecta.com non facilitan «a desprotección dos códigos chave para o visionado dos eventos deportivos, nin realiza conexións con programas de desprotección», o que si resultaría constitutivo de delito en España.
Esta sentenza, ante a que aínda cabe recurso, iría na mesma liña da do caso de TVMix.net, quedando cada vez máis claro o que é ou non legal na compartición de contidos audiovisuais a través da Rede.

PUBLICIDADE