PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A galega Signo aplica no Camiño de Santiago as tecnoloxías de realidade aumentada

mércores 21 de outubro do 2009, por Fernando Sarasqueta | | Compartir en Tuenti | Compartir |

Co Xacobeo 2010 albiscándose ao lonxe e coa presentación das actividades e das liñas a seguir aínda retumbando na nosa cabeza (un bosque que deixa ver poucas árbores), semella máis oportuno ca nunca ir meténdonos de cheo con exemplos concretos de novas tecnoloxías da información aplicadas ao turismo e máis concretamente ao que está ligado aos Camiños de Santiago. Disto mesmo, de levar a innovación dixital até o máis recóndito do itinerario xacobeo é do que trata unha boa parte dos recentes traballos da firma galega Signo, que entre outras cousas está a levar ao Camiño as novas tecnoloxías de realidade aumentada. Estas consisten en inserir unha capa dixital que se superpón ao que se ve a través da cámara dun teléfono móbil, achegándonos información do que hai ao noso arredor, tanto dende o punto de vista paisaxístico (que visitar, sexa monumento ou espazo natural) como dende os gastronómico (onde comer), comercial (que mercar) ou hostaleiro (onde aloxármonos).
O seu funcionamento é este: o usuario activa as capas que lle interesan en cada intre dependendo do que precise atopar. A cobertura aplicada pola empresa de Compostela semella ben completa: xa están xeorreferenciados máis de 500 puntos ao longo do Camiño, puntos sobre os que se achega información acerca dos núcleos poboacionais, o patrimonio ou ben a hostalería.
A empresa Signo-Enxeñería do Territorio, con sede en Santiago, leva xa tempo traballando para levar aos terminais móbiles algo máis que unha axenda clásica de contactos. O seu cometido, sinalan os responsables da firma, é convertelos en puntos útiles de información sobre todo o que nos rodea nun intre concreto en un espazo determinado. Isto, engaden dende Signo, abre un gran abano de posibilidades, dando acceso aos menús de restaurantes seleccionados no caso de que procuremos o lugar máis idóneo para comer, ou ben a fotos, audioguías ou videoguías no caso de que queiramos visitar un museo.
Sinalar que Signo está a implementar a dita realidade aumentada a través da súa aplicación Layar, ferramenta innovadora que funciona en móbiles dotados con Android, o sistema operativo de Google para navegar por Internet nestes terminais, ou no novo iPhone 3G.
Polo que respecta ao nivel de aceptación que está a ter o recurso de realidade aumentada, dicir que a empresa cualifícao xa de rotundo éxito: dende que se iniciaron as probas da aplicación hai uns dous meses, sinalan, contabilizáronse máis de 10.000 descargas. Do mesmo xeito, o medre do número de móbiles con esta tecnoloxía e o seu espallamento non fan máis que favorecer a iniciativa de Signo. “Os móbiles con Android medran a un ritmo exponencial”, sinala Antonio Fraga, responsable da empresa, “polo que Internet cada vez vai ser máis móbil, a través de teléfonos e miniportátiles”. E prosegue, afondando na descrición do produto: “As aplicacións da realidade aumentada ao turismo son múltiples, pois ademais esta tecnoloxía é moi interesante para sociedades de xestión turística, porque achega información do uso que se fai desa mesma tecnoloxía, os sitios visitados, os datos consultados e o tempo de permanencia nela, o que permite extraer coñecemento de tipo estatístico variado, mapas de fluxos turísticos, etc”.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS