AOI

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

O Xacobeo 2010 terá presenza nas redes sociais e no novo audiovisual

martes 20 de outubro do 2009, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

Non foi casualidade que o Xacobeo 2010 se presentase xustamente hoxe (día 20 do mes 10), nin que se elixise o Pazo de Congresos e Exposicións de Compostela (á beira do Camiño) nin que ao longo das sesións se fixese tantas veces fincapé en cuestións como espiritualidade, reflexión e solidariedade (tres piares do novo Ano Santo e basicamente tres piares pouco ligados a grandes gastos). Asemade, tampouco foi casual que se falase dos moitos camiños posibles que acompañan e complementan ao itinerario tradicional, incluídos os camiños interiores e (os que nos máis tocan de preto) os virtuais.
Certo que ao longo do multitudinario acto de presentación do Xacobeo prevaleceron máis as formas cós datos concretos: cómpre entender que non se tratou nin moito menos dunha rolda de prensa ao uso. Con todo, houbo información abonda como para amosar que este vai ser un Xacobeo redeiro e que a vontade das institucións que están detrás da celebración é a de tirar partido de novas formas de expresión e de comunicación ligadas á Internet social e ao novo audiovisual.
En certa maneira, esta aposta polas novas canles de información é case obrigada, e máis se temos en conta que outro dos piares deste vindeiro Ano Santo vai ser o de fomentar o intercambio de coñecemento, proceso que a día de hoxe é practicamente un sinónimo da Rede. Entre outras propostas concretas, o acto de hoxe serviu para que se dese a coñecer un pacto de colaboración con Google e as súas filiais, entre as que se contan algunhas das redes sociais de máis pegada (pacto a todas luces encamiñado a levar o Xacobeo o máis preto posible dos internautas de todo o mundo, ben a través de buscas textuais, gráficas, audiovisuais ou xeográficas) e a vindeira presentación mundial de O Apóstolo, filme dirixido polo santiagués Fernando Cortizo e que conta coa participación dun importante número de profesionais galegos, entre os que se inclúen os actores Luís Tosar e Carlos Blanco. Por certo que se trata da primeira película europea que incorpora a técnica de animación stop-motion, innovador sistema de rodaxe empregado en filmes como por exemplo A noiva cadáver de Tim Burton.
Asemade, o acto de presentación do Xacobeo 2010 serviu para relembrar que xa está a pleno funcionamento blog.xacobeo.es, páxina web habilitada para dar conta das actividades do Ano Santo e, grazas ao seu formato de bitácora-libro de viaxes, achegar información de maneira participativa (con comentarios sobre as entradas achegadas ou propostas de todo tipo). A bitácora en cuestión tamén achega datos salientables (en tres linguas: galega, castelá e inglesa) sobre o fenómeno Xacobeo, a historia do Camiño e o papel da nosa terra no mundo en virtude deste itinerario. Asemade, subminístranse recursos de tipo turístico: que comer, que ver, que visitar, que coñecer, etc.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS