O Mercat Audiovisual de Catalunya contará con presenza galega

martes, 25 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Hai un punto, cada vez máis amplo e máis forte, onde o audiovisual e a tecnoloxía se xuntan. Dáse a casualidade de que aí, xusto onde conflúen os dous mundos, é por onde se albisca nada máis e nada menos que o futuro. De avaliar os beneficios que o tecnolóxico achega ó fílmico (e viceversa) é do que trata, precisamente, o salón do Mercat Audiovisual de Catalunya (Audiovisual MAC08), que se celebra os días 28 e 29 de maio en Granollers, Barcelona, e que –en contra do que pode dar a entender o nome do encontro- serve para avaliar o mercado mundial enteiro deste sector, só que dende o punto de vista de Catalunya.
O caso é que o evento en cuestión terá unha notable presenza galega e, polo de agora, xa temos constancia da participación dunha embaixada empresarial do Clúster Audiovisual Galego. O obxectivo desta entidade é semellante ó da dita feira, pero dende aquí: facer mercado internacional achegando un punto de vista galego.
En definitiva, galeguizar na medida do posible o panorama de plataformas, ferramentas e demais recursos tecnolóxicos ó servizo da radio, a televisión e o cinema. Con este fin, o Clúster contará cun stand corporativo que servirá de centro de operacións para as súas empresas asociadas (para as cales xa abriu un prazo de inscrición para participar, aberto até o 31 de marzo).
Segundo informa a entidade galega, a feira MAC é a primeira “dirixida especificamente ás empresas tecnolóxicas que dan servizo ás televisións e radios de economía media, tanto a nivel local como a nivel internacional”. A idea do Clúster é aproveitar esta oportunidade para fortalecer as pontes que unen ó empresariado galego co resto do mundo no eido do intercambio, a coprodución e a compravenda.
Amais do devandito, a feira servirá para avaliar polo miúdo cuestións relacionadas coa produción de contidos, a xestión do MUX, o papel da televisión na comunicación local e o financiamento e a publicidade na televisión de proximidade.
De xeito paralelo, engade o Clúster, celebraranse dúas sesións de pitchings nas que os mellores 12 proxectos da feira serán presentados aos profesionais. De entre estes proxectos sairán os gañadores dos premios MAC que outorga a feira en catro categorías: Premio MAC Proxecto Novo Formato, Premio MAC Proxecto Seriado, Premio MAC Proxecto Multiplataforma e o Premio MAC Tecnoloxía, novo premio incorporado a esta edición.

PUBLICIDADE