O blogomillo anda á procura da súa musa

xoves, 23 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Os antigos gregos pensaban que a inspiración para a composición musical, a creación pictórica ou mesmo a práctica da ciencia proviña dunhas deidades menores coñecidas coma musas, concepto que transcendeu no tempo de xeito que na actualidade se considera que unha musa pode ser unha persoa que inspira a un artista, como puido ser Gala para Dalí, Grace Kelly para Alfred Hitchcock, Winona Ryder para a Xeración X ou Kate Moss de Calvin Klein, pero, ¿cal sería a musa do blogomillo?
Esta incógnita a expón Ghanito no seu blogue, e incluso propón varias figuras coma poderían ser Yolanda Castaño, poeta e presentadora do programa Cifras e Letras na Galega; Belén Regueira, presentadora de radio (Extrarradio na Radio Galega) e televisión (Chambo e informativos); Ana Kiro, como unha estrela da canción e da televisión galegas (que se engade ó debate máis por agarimo que por paixón) e mesmo outras raparigas que se fixeron populares no blogomillo, ou sexa, persoas activas no mundo dos blogs que acadan así o seu recoñecemento, coma serían María Yáñez (ex-directora de Vieiros e responsable do influínte e fenecido blog Todonada); Kate (de La Nevera 61); Cereixa; A Pícara de Allegue; Oko (de Dor na retina) ou Besbelliña (de Beliscos Pequenos).
Así, parece que na variedade está o gusto, polo que no blog de O demo me leve, valéndose do servizo Brilliant Button Maker, publicaron unha relación de botóns para que cadaquén poida colocar no seu blogue para amosar a súa afinidade a cada unha das musas suxeridas.
A iniciativa está a dar qué falar, pois parece que cada blogueiro busca a súa inspiración dunha musa diferente, pero o que resulta curioso é que, pese a que se constata que hai moitas mozas no blogomillo, elas non parecen defender a proclamación de musas masculinas.

PUBLICIDADE