DC experimenta cos comics vía web nunha plataforma independente

mércores, 31 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A editorial DC Comics, coñecida por personaxes coma Superman ou Batman, leva preto de 70 anos no mundo do tebeo e para adaptarse ós novos tempos lanzou esta semana Zuda Comics, que é un selo que emprega para publicar comics a través da web cun formato axeitado ás pantallas dos ordenadores.
O director de servizos creativos de DC, Ron Perazza, considera que a entrada da súa empresa neste tipo de publicacións que ata o momento só empregaban creadores e editoriais independentes ten que ser cautelosa e por iso están a «agardar a que o mercado madure» de xeito que polo momento só fan unha tímida aposta que non inclúe os títulos populares nos comics tradicionais.
Zuda Comics abre a súa plataforma para autores independentes, aínda que para a publicación de obras haberá que pasar antes unha selección. Os editores de Zuda seleccionarán cada mes a 10 das obras recibidas e permitirán a súa valoración por parte da súa comunidade de usuarios, de xeito que a máis votada recibirá unha oferta dun contrato anual por 52 episodios do webcomic.
O formato empregado por Zuda fuxe do típico PDF coa mesma maquetación que un tebeo tradicional, e adáptase á pantalla empregando unha maqueta cunha relación de aspecto 4:3 (ou sexa, en horizontal e non en vertical) que se pode ver a tamaño reducido ou a pantalla completa, podendo os usuarios facer zoom sobre detalles e pasar páxinas. Pretende dar unha presentación total de cada páxina, fuxindo dos desprazamentos verticais, que tanto pode ter unha boa aceptación entre os lectores como pode quedar no esquecemento seguindo o camiño de moitas outras iniciativas semellantes.

PUBLICIDADE