Os hackers poñen á venda programas maliciosos para a xente de a pé

mércores, 5 de setembro do 2007 Matías Olazabal

A rúa está moi dura” dicían os nosos avós cando as diferentes crises foron batendo nos fogares durante o último lustro, e os tempos modernos non parecen ser a excepción, e moito menos dende que as letras do tango que reza “el que no llora no mama y el que no afana es un gil”, semellan regras axiomáticas da vida cotiá. Axustados a esta premisa do bo vivir e o pouco traballar, os responsables dos programas que permiten levar a cabo todo tipo de fraudes na Rede veñen de atopar un emerxente mercado, poñendo á venda os seus produtos a xente “normal”, con todas as garantías que supón ter un hacker de aliado.

Nun artigo publicado pola BBC asegúrase que por unha suma que vai dende os 25 euros até os 500, calquera pode facerse cunha aplicación do denominado malware, e, no caso de que nos estiremos un pouco, até podemos contratar un servizo técnico anual para os nosos programiñas, que inclúe ademais todas as actualizacións necesarias para que non sexan detectados polos antivirus. Mesmo algúns “provedores” facilitan ao comprador estatísticas sobre a eficacia dos ataques perpetrados como tamén información sobre as súas vítimas.

Neste senso, Paul Henry, vicepresidente de tecnoloxía na empresa Secure Computing, vén de asegurar que o número de ferramentas para hackers está a medrar de continuo, e na actualidade podemos atopar máis de 68.000 destas listaxes para seren baixadas da Rede. Se ben a maioría destas aplicacións aínda requiren certo grao de coñecemento para o seu uso (suponse que e bo?), isto está a mudar e en case todos os casos as descargas pódense facer totalmente de balde.

Vulnerabilidades nas aplicacións e baleiro legal

Segundo explica o devandito experto en seguridade, existen dous factores que favorecen a proliferación destas lucrativas pemes; en primeiro lugar os problemas de seguridade dos programas usados de xeito masivo, e unhas leis algo permisivas coa distribución de programas dende a Rede. O primeiro problema é ben coñecido, e todos sabemos que os parches para amañar os problemas de seguridade dos nosos programas adoitan a chegar tarde de máis, e os hackers sempre están a adiantarse aos fabricantes nisto de descubrir e explotar este tipo de carencias.

Por outra banda, nas páxinas nas que se descargan estas aplicacións os responsables engaden entre as condicións de uso que “a distribución destes arquivos é só para fins educativos e que calquera uso fraudulento terá coma único responsable ao usuario”.

PUBLICIDADE