A praia de Aguete terá Internet por Wi-Fi durante o resto do verán

venres, 17 de agosto do 2007 Marcus Fernández

A experiencia piloto que achega este verán conexións á Rede mediante Wi-Fi a praia de Samil (Vigo) espállase agora á praia de Aguete (Marín) grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación e o operador público galego de telecomunicacións Retegal, que xunto co concello de Marín emprenderon esta iniciativa coa que durante o verán se permitirá acceder á Internet de balde dende o areal.
Mediante estas probas se está a estudar unha posible oferta para toda Galicia durante o vindeiro verán, e a elección de Aguete para seguir a Samil foi motivada pola proximidade das dúas praias segundo palabras de Manuel X. Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual e conselleiro delegado de Retegal.
O punto de acceso que permite a conexión dende a praia localizouse no porto de Aguete, enlazando con centro emisor de Retegal en Monte Tomba (Pontevedra). Os usuarios que queiran acceder ó servizo deberán introducir o nome de usuario retegal co contrasinal marin39 a primeira vez que queiran navegar dende un equipo Wi-Fi, de xeito que quedarán identificados na rede sen fíos para poder continuar a facer uso de tal conectividade.

PUBLICIDADE