nVIDIA presenta unha tecnoloxía para crear vídeos de cámara lenta partindo de velocidades normais

martes, 19 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Para o procesamento de fotografías e vídeos cada vez é máis frecuente o uso da intelixencia artificial, que non só resulta práctica á hora de elixir a mellor configuración para gravar ou para realizar axustes que realcen as imaxes, senón que poden ir máis aló, como veñen de demostrar dende os laboratorios de nVIDIA, que empregando métodos baseados en deep learning conseguen producir vídeos de alta calidade en cámara lenta partindo de vídeos a velocidade normal, de xeito que o sistema é quen de imaxinar os fotogramas intermedios, conseguindo unha animación fluída e abraiante.
Esta tecnoloxía vai amosarse publicamente no congreso anual de recoñecemento de patróns e visión artificial (CVPR) que celebrarase esta semana en Salt Lake City (Utah) e tira proveito de gráficas nVIDIA Tesla V100 e o framework de deep learning PyTorch acelerado por cuDNN. Para conseguir o estado actual desta tecnoloxía os investigadores someten ao sistema á análise de 11.000 vídeos ao día gravados a 240 imaxes por segundo, de xeito que a rede neuronal logo é capaz de predicir os fotogramas que habería que engadir a vídeos normais para convertelos en vídeos de cámara lenta para que teñan un movemento fluído e a imaxe non se vexa desenfocada.
No vídeo de demostración desta tecnoloxía non só amosan como converter un vídeo normal nun de cámara lenta, senón que tamén salientan a posibilidade de empregar esta tecnoloxía con vídeos de cámara lenta para conseguir resultados aínda máis espectaculares.

Vídeo de demostración da nova tecnoloxía de interpolación de fotogramas creada por nVIDIA

PUBLICIDADE