nVIDIA presenta unha consola portátil baseada en Android 4.1
luns, 7 de xaneiro do 2013
Como grande exemplo de aplicación dos novos procesadores
nVIDIA Tegra 4 o seu fabricante anunciou
no CES de Las Vegas o Project SHIELD, unha nova plataforma para usuarios
que desexen xogar en calquera momento e lugar e que permitiría gozar tanto de
xogos de Android como de PC, por permitir o acceso tanto aos xogos dispoñibles
en Google Play como conectarse
ao PC para gozar dos seus xogos mediante streaming
en calquera curruncho do fogar no que gocemos de conectividade Wi-Fi (posibilidade
dispoñible para os mellores xogos de Steam e dende ordenadores de certa
potencia, tamén con gráficas de nVIDIA).
Este orixinal concepto consiste nun mando de xogo de tamaño completo para un
uso confortable, unha pantalla multi-táctil de 5 polgadas cunha resolución de
1.280 x 720 píxeles, altofalantes de grande calidade, Wi-Fi N con 2x2 MIMO para
conseguir boas velocidades de conexión para o streaming de xogos e sistema operativo Android 4.1.
Cómpre lembrar que actualmente hai numerosos
xogos de Android optimizados para aproveitar a potencia dos procesadores nVIDIA
Tegra, como Dead Trigger e Shadowgun, mentres
que entre os títulos para PC que poderían gozarse a través da nova consola
portátil de nVIDIA estarían Assassin’s
Creed III, Battlefiled 3, Borderland 2, Dishonored, Hawken, Portal 2 e Skyrim entre moitos outros.
Polo momento non se coñece nin a data de lanzamento nin o prezo que terá este Project SHIELD.
- A nova consola funcionaría con Android 4.1