iVoox abre novas posibilidades para a monetización de podcasts

mércores, 25 de maio do 2022 Marcus Fernández

O podcasting está a vivir un momento doce, cun grande crecemento de usuario e interesantes propostas que chegaron en boa medida grazas á aposta de Spotify polo medio, pero no caso español a plataforma que máis está a apostar polos podcast é iVoox, con máis de 5 millóns de usuarios únicos ao mes nas súas aplicacións, que está a centrar as súas actividades na monetización para poder así reter talento e contidos de calidade.
Dentro das vías que ofrecen aos creadores de contidos está o feito de poder permitir apoios económicos recorrentes por parte da audiencia, ou sexa, subscricións de pagamento, o que até o momento limitábase a usuarios que utilizaban a aplicación de iVoox como reprodutor de podcasts, pero que agora muda, ampliando audiencia, xa que permitirá que os creadores poidan crear feeds privados e integracións co resto de agregadores de podcasts, polo que usuarios doutras aplicación poderán gozar de episodios exclusivos para mecenas, o que é un importante incentivo para os usuarios (xa que en moitos casos amosan un claro rexeitamento a usar a aplicación de iVoox, pola súa baixa calidade ou simplemente por non ser o seu xestor de podcasts habitual).
Para continuar a impulsar o crecemento e a monetización do podcasting, iVoox tamén está a traballar na organización de podcasts en directo, para o que a compañía ofrece á súa rede de creadores dende a contratación da sala para o evento e a xestión e promoción do mesmo e incluso a venda de billetes. Confían en que este formato non só sexa unha nova canle de monetización, senón que tamén axude a fornecer o vencello entre os creadores e o seu público.
Os primeiros eventos deste tipo terán lugar os vindeiros 18 de xuño e 9 de xullo cos directos dun par de iVoox Originals de misterio con grande popularidade: Caverna de Ánimas e La Posada del Cuervo.

PUBLICIDADE