iShower, un altofalante Bluetooth resistente á auga

xoves, 2 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O iShower facilita a reprodución musical sen fíos na ducha

Para facilitar a reprodución musical en contornos onde a auga sexa un problema chega iShower, un altofalante resistente á auga que pode comunicarse con smartphones e tablets a través de Bluetooth (ata unha distancia de 200 metros), integrando tamén botóns de control (anterior, seguinte, reproducir, pausa e volume), o que nos permitirá escoitar a nosa música favorita na ducha (de aí o seu nome). Xa está á venda por 99,99 dólares (88,19 euros) e conta con varias opcións de montaxe, resultando doada a súa instalación na parede ou a súa disposición en vertical sobre unha superficie plana.
O iShower pode emparellarse con ata 5 dispositivos, é compacto e portátil (funciona con 3 pilas AA que achegan unha autonomía de 15 horas) e integra un reloxo dixital. As súas prestacións son moi atinadas para o seu uso tanto nos cuartos de baño como en piscinas ou en praias, non tendo que preocuparse da auga e podendo gardar nun lugar seguro o dispositivo dende o que se achegan os contidos sonoros, que poden ser dende os trebellos móbiles de Apple (iPhone, iPod Touch ou iPad) ata os numerosos terminais con Android que hai no mercado.

O altofalante pode usarse en mobilidade dado que funciona con 3 pilas AA


Vídeo no que se anuncia a posta á venda do altofalante iShower

PUBLICIDADE