iRig Mic leva a gravación sonora de calidade a iPhone e iPad

xoves, 26 de maio do 2011 Marcus Fernández

IK Multimedia pretende atender certa demanda por parte de profesionais da música (e doutros sectores como o xornalismo) co seu iRig Mic, o que aseguran que é o primeiro micrófono de condensador de man para iPhone, iPod Touch e iPad deseñado para cubrir todas as necesidades sonoras portátiles, de xeito que facilita a gravación profesional de audio en dispositivos con iOS.
Este micrófono é válido tanto para rexistrar voz como instrumentos musicais, é unidireccional/cardiode, funciona tanto a cortas como longas distancias e facilita a súa monitorización en tempo real cun conector de dobre jack (para usar auriculares durante as gravacións).
O micrófono pode empregarse coas aplicacións VocalLive FREE, AmpliTube FREE e iRig Recorder FREE, aplicacións de balde que facilitan a gravación e o proceso de audio en iOS e que contan con numerosos módulos de pagamento para ampliar as súas funcionalidades.
Aínda que este dispositivo estea pensado inicialmente para que os músicos poidan gravar as súas actuacións e ensaios, o resto de usuarios pode considerar interesante este tipo de micrófono para a gravación de podcasts, discursos ou entrevistas, aproveitando o uso de dispositivos como o iPhone para o almacenamento do audio.
O iRig Mic funciona con 3 niveis de ganancia distintos, integra protección contra o vento e funciona en unicamente en dispositivos de Apple como o iPod Touch (a partir da 2ª xeración), iPhone 3G/3GS/4 e iPad con iOS 3.1.3 ou superior. O seu prezo de venda é de 49,99 euros.

Os reporteiros móbiles tamén poden tirar proveito do iRig Mic para realizar vídeos con boas locucións

PUBLICIDADE