iPlus: o novo receptor de Digital+

martes, 25 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A televisión dixital por satélite en España actualízase co lanzamento do novo iPlus por parte de Digital+, que é un receptor de nova xeración que incorpora un disco duro de 160 Gb que permite gravar e reproducir en calquera momento máis de 80 horas de programación mediante o mando a distancia e a Guía da Programación.
O novo descodificador incorpora 4 sintonizadores, de xeito que se pode ver unha canle diferente á que se está a gravar tanto nas emisións de Digital+ como das de TDT (o receptor fusiona a oferta das dúas plataformas) o que abre ós usuarios a posibilidade de seleccionar e decidir cando ven os seus programas favoritos.

Anuncio de iPlus no que se promociona a súa capacidade de gravación

Promición televisiva da función de time-shifting

O iPlus tamén ten funcionalidades de time-shifting, ou sexa, que pode deter unha emisión en directo ou repetir as últimas secuencias, podendo volver logo ó directo. Pero o máis impresionante deste novo terminal é que xa vén preparado para o futuro, de xeito que abrirá as portas á televisión en alta definición cando se incorpore ás emisións de Digital+, inclúe un porto USB 2.0 (que podería servir para engadir discos duros adicionais) e mesmo un porto Ethernet (o que podería servir para achegarse a servizos baseados en IP como vídeo baixo demanda), aínda que o que máis notarán os seus usuarios é o seu procesador de 300 MHz e os seus 128 Mb de memoria, que fan que o seu uso sexa moito máis áxil que nos receptores actuais.
O novo terminal ten un prezo inicial de 395 euros e os clientes de Digital+ xa o poden pedir ó servizo de atención telefónica.

PUBLICIDADE