eLaboro establece alianzas para a creación dun asistente virtual en lingua galega

venres, 14 de decembro do 2007 Raquel Noya

A empresa galega de enxeñería informática eLaboro S.L. vén de pechar un acordo coa compañía sueca Artificial Solutions para crear o primeiro asistente virtual en lingua galega. Trátase dunha ferramenta que lles permite ós internautas que accedan a un sitio web institucional ou empresarial dispoñer dun robot-guía especial de axuda que é quen de recoñecer a linguaxe humana e de expresarse no idioma do usuario, neste caso en galego.
Esta tecnoloxía, que xa se implementou con éxito noutras 22 linguas, preséntase na actualidade en castelán en catro únicos sitios web de importantes entidades entre as que cómpre salientar á ONCE.
Esta ferramenta pioneira na nosa terra pode deseñarse de xeito personalizado e adaptado ás necesidades da entidade que a promove e, grazas a ela, os usuarios obteñen apoio para navegar pola Web, procurar información ou até encher un formulario electrónico. Asemade, debido a que o robot ten voz, este pode -entre outras cousas- contestar ós correos electrónicos ou manter unha conversa vía SMS con outros internautas.
As principais vantaxes deste asistente virtual céntranse no seu funcionamento as 24 horas do día e na posibilidade de fornecer de servizo a milleiros de consultas de xeito simultáneo; por este motivo, os seus creadores aseguran que “resulta de especial interese para as administracións públicas e grandes empresas que dispoñan de sistemas de atención ó cidadán e ó cliente respectivamente”. Neste senso, eLaboro xa estableceu contactos con entidades que apostan pola máxima interacción dos seus sitios web.

PUBLICIDADE