aDeSe premia aos xogos máis vendidos en España

xoves, 27 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Algúns dos premiados por aDeSe no marco do FICOD

A industria dos videoxogos tamén conta cos seus premios en España, e aDeSe prepartiu os seus galardóns por sétimo ano consecutivo aproveitando o II Foro Internacional de Contidos Dixitais (FICOD) coma marco para facer entrega dos mesmos.
Na presentación dos premios quixeron destacar que 2007 foi o ano no que os videoxogos chegaron á excelente posición na que se atopan na actualidade, coma o principal sector do lecer audiovisual dende o punto de vista económico (superando sobradamente ao cine, o DVD ou a música).
aDeSe premiou a 72 videoxogos, dos que 6 venderon máis de 160.000 copias (dobre pratino), 23 superaron as 80.000 copias (pratino) e 43 superaron as 40.000 copias (ouro) con grande variedade nos xéneros que acadaron grandes vendas, aínda que resultaron especialmente rechamantes os bos resultados dos xogos musicais coma Guitar Hero III, High School Musical ou SingStar.
Os títulos que recibiron máis galardóns foron Call of Duty 4, Dragon Ball Z: Budokai Tenkaichi, Los Simpson: El Videojuego, Los Sims 2: Naufragos e Need For Speed. A compañía máis premiada foi Electronic Arts (con 16 galardóns), seguida por Ubisoft (14) e Sony (12).
Curiosamente, entre os xogos máis vendidos só o 6% tiñan unha cualificación PEGI +18, ou sexa, que os títulos altamente violentos distan de ser os máis populares (pese o que dan a entender algúns medios) e a metade dos xogos galardoados tiñan unha cualificación PEGI +3 ou +7, polo que se poderían considerar aptos para toda a familia.

PUBLICIDADE