Zuckerberg considera que o RXPD debería imitarse globalmente

luns, 1 de abril do 2019 Marcus Fernández

A aprobación do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) no seo da Unión Europea foi vista con moito agrado por parte de axentes tecnolóxicos de todo o mundo, por considerar positiva a existencia dunha serie de normas comúns para o tratamento de datos persoais. Temos así que dende Apple manifestaron publicamente a súa satisfacción coa norma comunitaria (chegando a asegurar que a aplicarán de xeito xeral en case todos os seus escenarios fóra da U.E.), e agora sorprende Mark Zuckerberg publicando un comunicado a favor da regulación da Internet.
Zuckerberg considera importante que existan unha serie de normas para manter a seguridade e a liberdade dos usuarios, e concreta 4 piares sobre os que asegura que é precisa chegar a novas regulacións: os contidos perigosos, a integridade dos procesos electorais, a privacidade e a portabilidade de datos.
Sobre os contidos perigosos, recoñecen que Facebook ten que estar mudando constantemente as súas normas para poder manexar a propaganda terrorista, os discursos de odio e outros tipos de mensaxes prexudiciais, e dado que este ámbito resulta moi polémico e espiñento, asegura que están a crear un organismo para que as persoas poidan apelar as súas decisións sobre os contidos que están ou non permitidos, sendo desexable que existan regulamentos que sentes os alicerces deste tipo de control, ou sexa, que marquen un mínimo.
No que respecta á integridade das eleccións, Facebook está a levar adiante numerosos cambios relativos á publicidade política, primando a transparencia, de xeito que poida saberse sempre quen paga un anuncio; pero existe o problema de saber cando un anuncio é ou non político, de aí que sexa importante que existan normas que realicen as distincións e tamén que haxa condicións que se teñan que cumprir só durante as campañas electorais.
Sobre a privacidade, Zuckerberg considera que sería positivo que nos EE.UU. e noutros países establecesen normativas que achegasen á súa cidadanía os mesmos niveis de protección do RXPD europeo, para que os usuarios poidan ter o control sobre a súa información (afirmacións que sorprenden coñecendo os antecedentes de Facebook).
E, finalmente, Mark Zuckerberg ve necesaria a existencia de regulamentos que garantan o principio de portabilidade de datos, ou sexa, que un usuario teña a posibilidade de mudar dun servizo a outro levando os seus datos consigo, o que abriría as portas á liberdade de elección e ás posibilidades de innovación e competencia.
Tendo en conta que Facebook é unha das compañías que máis expuxo nos últimos anos aos seus usuarios a abusos no tratamento dos seus datos, resulta rechamante ver como agora o seu máximo responsable amosa unha postura totalmente oposta. Só o tempo dirá se realmente a compañía fixo propósito de emenda, ou simplemente está a emprender unha campaña de lavado de imaxe tras a sucesión de escándalos nos últimos anos.

PUBLICIDADE