Zona Franca actualiza a súa base de datos sobre as nosas empresas que máis facturan: Ardán

venres, 20 de maio do 2022 S. P.

A Zona Franca de Vigo vén de actualizar a súa base de datos Ardán, e faino poñendo á nosa disposición un recurso revisado de información sobre as empresas da nosa terra que máis facturan. A actualización Ardán 20.000 maiores empresas de Galicia foi cualificada como “unha ferramenta única” polo delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, David Regades, que engadiu que “con esta aplicación pódense realizar múltiples filtros sobre a mostra de empresas, ben sexa por nome da sociedade, datos económicos, sectoriais ou xeográficos personalizando todo tipo de información do mercado”.
A base de datos tamén permite a selección de fichas de empresa e listaxes, con datos exportábeis a folla de cálculo. Así, cada empresa conta cunha ficha propia cos seus datos de identificación (domicilio, código postal, teléfono, correo electrónico e web), pero tamén os datos da súa actividade como emprego, cifra de negocio, valor engadido, capital social, rendibilidade económica; así como outros atributos, coma se trátase dunha firma auditada, exportadora, se conta con certificacións de calidade ou ambientais.
Os datos económicos proceden dos depósitos das contas anuais (balance, conta de resultados, memoria e informe de xestión) nos rexistros mercantís das provincias galegas, o que, segundo sinalou a Zona Franca, “achega seguridade e fiabilidade ao traballo realizado polo equipo do Servizo de Información Ardán”. O prezo da base de datos é de 99 euros.
Amais, o Consorcio presentará nos vindeiros meses o Informe Económico e de Competitividade de Galicia 2022. Para a Zona Franca, con esta información e outros datos facilitados polas empresas sobre a evolución da nosa economía poderase identificar as empresas que alcanzan os indicadores Ardán, tan valorados polas compañías e que mostran a excelencia na xestión”.

PUBLICIDADE