ZombiU terá versións para Xbox One, PS4 e PC a partires do 18 de agosto

venres, 31 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Hai un par de anos Ubisoft tivo que recoñecer que a mala acollida comercial da Wii U levou a que o seu xogo ZombiU resultase deficitario, pese a ser un dos xogos de referencia desa plataforma, e precisamente por iso non sorprende que quixeran aproveitar o esforzo realizado no seu desenvolvemento para trasladalo ás consolas de nova xeración e ordenadores persoais, de aí que decidisen mudarlle o seu nome a Zombi e anunciar que o vindeiro 18 de agosto o teremos dispoñible en formato descargable para PlayStation 4, Xbox One e PC.
Estamos ante un xogo de terror e supervivencia en estado puro (con recursos escasos, como os clásicos do xénero), con mortes permanentes (se morre o noso personaxe resulta infectado converterase nun zombi máis, e teremos que adoptar a identidade doutro personaxe), cos recursos do personaxe gardados nunha mochila de emerxencia (de xeito que, se queremos manter a progresión do xogo tras morrer teremos que intentar recuperar a mochila do noso anterior personaxe), cunha recreación recoñecible da cidade de Londres e cun estilo de xogo e uns gráficos actualizados a equipos actuais.


Tráiler de Zombi, a versión para PS4, Xbox One e PC de ZombiU

PUBLICIDADE