Zombi estrea versión para Xbox One e PS4

martes, 18 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Hai tres anos o xogo ZombiU conseguiu converterse nun dos títulos máis destacables do catálogo de Wii U, algo destacable especialmente por ser un xogo dun desenvolvedor distinto de Nintendo e por pertencer a un xénero habitualmente afastado das consolas da compañía nipoa (un FPS de supervivencia). Pero como a Wii U foi unha consola pouco vendida, trunfar na mesma non é dabondo para este grande traballo, e para poder recuperar o investimento e achegar o xogo a un maior público hoxe estréase Zombi, remasterización do título para permitir o seu goce en ordenadores, e consolas Xbox One e PlayStation 4, para as que xa está dispoñible a un prezo moi atractivo: só 19,99 euros.
Nesta nova versión do xogo melloráronse os gráficos, as texturas, a iluminación... adaptouse a xogabilidade lixeiramente (suplindo a carencia do GamePad da Wii U) e incluso ofrecendo un nivel de gore maior (por entender que o público de máquinas de Sony e Microsoft non ten tantos reparos como os de consolas de Nintendo.
Temos así un xogo con poucos cambios, que os seareiros dos xogos de supervivencia non dubidarán en adquirir dado o seu reducido prezo de lanzamento, e que sitúanos nun Londres afectado pro unha praga que converte aos infectados en mortos viventes. O reto non será exterminar a praga, senón sobrevivir nun contorno tan perigoso, no que calquera fallo pode levar á morte (elemento que explota acertadamente o xogo, de xeito que de vernos infectados pasaremos a controlar a outro humano, e poderemos achegarnos ao noso antigo corpo se queremos facernos co seu inventario).

Dende Eurogamer publicaron un vídeo no que comparan ZombiU con Zombi para PS4

PUBLICIDADE