ZTE presenta o seu novo smartphone insignia

mércores, 9 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses continúan a avanzar para gañar certo prestixio grazas a produtos de grandes prestacións e bo deseño, conseguindo desfacerse da sona de imitadores dos seus competidores, e nesa liña presentouse no CES de Las Vegas o impresionante ZTE Grand S, un smartphone LTE que presume de ser o máis delgado do mundo cunha pantalla Full HD de 5 polgadas, e que parece acertar ao combinar grande potencia cunha aparencia moi elegante e atractiva.
O ZTE Grand S funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon S4 Pro de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, cámaras de 13 e 2 Mpíxeles, son Dolby Digital, Android 4.1 e ten un grosor de 6,9 milímetros, polo que estamos ante un dispositivo que segue a tendencia actual de integrar unha pantalla de grande tamaño, superando a definición de pantalla dos móbiles actuais e situándose como unha boa solución para disparar fotografías ou facer videoconferencias. Este mesmo trimestre chegará ao mercado chinés, e é de agardar que logo chegue ao resto do mundo ante a atención captada globalmente por este terminal que xunto con ZTE Grand Era e o ZTE Grand X conforma unha familia de móbiles de ZTE que están chamados a ter unha boa acollida durante os vindeiros meses.

JPEG - 54.3 KB
O ZTE Grand S integra unha cámara de 13 Mpíxeles e flash

PUBLICIDADE