ZTE amosa o seu novo tabletófono en Barcelona

martes, 26 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses seguen a amosar o seu músculo no Mobile World Congress de Barcelona, e así dan a coñecer o novo ZTE Grand Memo, que busca quedar nun punto intermedio entre un smartphone e un tablet coa súa pantalla de 5,7 polgadas cunha resolución de 720 x 1.280 píxeles. Este tabletófono funciona cun procesador Qualcomm 800 de catro núcleos, 2 Gb de RAM e cámaras de 13 e 1 Mpíxeles, deixando claro que estamos ante un dispositivo cunha potencia acorde ao seu tamaño, que tamén permite que a súa batería chegue a unha xenerosa capacidade de 3.200 mAh.
Dende ZTE desenvolveron unha interface gráfica personalizada para o seu Android 4.1 (Mifavour UI), buscando así unha experiencia de uso sinxela. Tamén ten unha capacidade de almacenamento interna de 16 Gb, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, conectividade LTE e un grosor de só 8,5 milímetros, de xeito que temos outro dispositivo de orixe chinesa que no segundo trimestre do ano pretenderá facerse un oco entre os smartphones de alta gama, pero intentando manter un prezo competitivo (aínda non detallado).

PUBLICIDADE