Yuzz Santiago recoñece o potencial dun proxecto para deseñar eventos de pirotecnia

xoves, 7 de xullo do 2016 Redacción

Yuzz Santiago, edición compostelá do programa universitario do mesmo nome, vén de entregar os seus galardóns. O acto celebrouse este mércores 6 no Paraninfo da Universidade. Nel puidemos saber que o emprendedor David Sánchez viaxará da man de Yuzz a Sillicon Valley tras ser elixido o seu proxecto, Pyrkaia Firing System (creación, deseño e xestión de espectáculos de pirotecnia), como o mellor da edición compostelá do programa. Nela traballaron durante cinco meses 25 emprendedores –seleccionados de entre máis de 70 solicitantes– para converter as súas ideas empresariais en proxectos.
Pyrkaia, informa a USC, brinda solucións tecnolóxicas orientadas ao sector de eventos pirotécnicos. O principal produto consiste nun programa informático de simulación dun espectáculo de música e pirotecnia cun software que permite deseñar e sincronizar milleiros de efectos pirotécnicos “cunha interface sinxela e clara”. Apóiase en tecnoloxías avanzadas de modelado en tres dimensións (3D) e en realidade virtual e, en base a isto, posibilita a visualización dun espectáculo previsto sen que se sexa preciso probalo. Isto, sinalou David Sánchez na presentación do seu desenvolvemento, “permitirá ás firmas de pirotecnia conseguir un aforro en custes de ata un 70 %”.
Os gañadores da sétima edición do programa Yuzz que dirixe CISE co patrocinio de Banco Santander e a colaboración en Santiago da USC e da Secretaría de Emprego da Xunta de Galicia, déronse a coñecer como dixemos no Paraninfo da Universidade. A entrega estivo presidida polo adxunto a reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manuel Cotos, e nela participaron ademais o subdirector xeral de Emprego, Juan José Lirón; o xerente de Institucións de Banco Santander, José Manuel Guinarte; a coordinadora do Centro Yuzz Santiago, Elena Pernas; e o representante da delegación de SECOT (Voluntariado Senior de Asesoramento Empresarial) na Coruña, Hilario de Pablos.
Os impulsores do Centro Yuzz Santiago tamén lembraron que nesta convocatoria serán dous os participantes gañadores da viaxe a Silicon Valley, xa que Andrea Aguilella conseguiu ser elixida co seu proxecto Enelatril ao ter gañado, como fixemos saber no seu día dende Código Cero, o concurso Este é o meu pitch do YuzzDay celebrado o pasado maio en Santander.
Logo da exposición pública dos proxectos en xuño, o xurado decidiu seleccionar tamén a Sadvia, unha axencia de asesoría científica creada polas emprendedoras Matilde Durán Lobato e Sofía Mendes Saraiva, como finalista de Santiago para o premio Yuzz Muller patrocinado pola Fundación EY dotado con 20.000 euros.
Pola súa banda, a start-up e4Legal para desenvolver un entorno legal 4.0 que inclúe asesoramento financeiro impulsada por Antonio Padín resultou finalista para Yuzz Fintech e poderá optar a catro meses de aceleración da idea nos espazos de innovación da Cidade Grupo Santander.
Gallatbox, proxecto seleccionado como segundo finalista del Centro Yuzz Santiago, vén da man de Aitor Garcia Solla e consiste no desenvolvemento dunha solución hardware dun módulo integrábel nos portátiles para optimizar a súa potencia gráfica.
O terceiro finalista local é MeetLab, co que os emprendedores Raquel Lama e Ramón Maceiras van desenvolver unha tenda en liña de servizos de biotecnoloxía. Ambos os dous disporán de 6 meses de acubillo virtual gratis na incubadora de empresas da USC Uninova.

PUBLICIDADE