Yuneec lanza o seu dron con cámara Intel RealSense

xoves, 23 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses os drons están a avanzar integrando tecnoloxías que melloran a súa estabilidade e seguridade, así como a súa facilidade de control, de xeito que cada vez son máis accesibles ao grande público. Nesta liña temos que Yuneec está a ultimar o lanzamento do seu novo Typhoon H, que non só vén listo para voar tras sacalo da súa caixa, pode gravar vídeo en ultra alta definición a 30 imaxes por segundo (con estabilizador de 3 eixes) e dispara fotografías de 12,4 Mpíxeles, senón que tamén integra unha cámara Intel RealSense, que rexistra a profundidade, de xeito que pode xerar un modelo 3D do contorno, o que permítelle principalmente poder seguir elementos móbiles (como unha persoa) trazando unha ruta que evite chocar con obstáculos. Non se trataría só de incorporar un sistema para evitar colisións, senón que o sistema lembra o contorno, adaptándose ao mesmo, o que, en combinación co GPS, permítelle poder fixar a súa cámara principal nun obxectivo determinado á vez que evita dende grandes edificios até pequenas polas de árbores.
O Typhoon H mide 520 x 457 x 294 milímetros, ten unha autonomía de voo de até 25 minutos e pode elevarse até 122 metros, acada velocidades de até 10 metros por segundo e vén de iniciar o seu proceso de reservas a un prezo de 1.899,99 dólares.

O sistema de control remoto que inclúe o dron recibe en tempo real vídeo a 720p até a unha distancia de 1,6 quilómetros

Vídeo de presentación do dron Yuneec Typhoon H

PUBLICIDADE