Youtubeir@s chega ao seu derradeiro chanzo acollendo máis dun centenar de vídeos

martes, 25 de abril do 2017 Redacción

Xa vai quedando menos para presentarmos a nosa achega audiovisual á primeira edición de Youtubeir@s, o concurso de vídeos na Rede destinado a impulsar e dinamizar a presenza en liña da nosa lingua (e máis a creatividade dixital da mocidade na nosa lingua). Segundo vén de lembrarnos unha das entidades impulsoras do concurso, a Universidade da Coruña, este venres 28 de abril é o derradeiro día para presentarmos o noso traballo. A UDC tamén lembra que o concurso acubilla dúas categorías, Vídeo-opinarmos e Vídeo-facermos. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con vídeos de até cinco minutos de duración, sendo a cifra total de premios de 4.000 euros. O peche e entrega de galardóns será o venres 26 de maio ás 20:00 horas no Teatro Principal de Ourense. A día de hoxe, xa foron recibidas máis de cen contribucións.
Como dixemos, neste intre xa podemos ver na canle de Youtube do concurso un amplo e variado abano de vídeos: dende receitas de cociña até consellos sobre como quitar os puntos negros do nariz ou como facer pasta de dentes para elefantes, dende faladoiros sobre a praga da couza guatamalteca até interesantes reflexións sobre o amor na Rede. O xurado, composto por Manolo González, María Lado, Manuel Núñez Singala, María Yáñez e Pablo Lamosa xa está arestora visualizando e valorando os audiovisuais participantes.
Youtubeir@s, como lembraremos, é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. O proxecto ten tres piares fundamentais: a procura de youtubeiras e youtubeiros, a formación para quen queira selo, e un concurso para incentivar que se fagan vídeos de titoriais e opinións en galego na Rede, con 4.000 euros en premios, e co prazo de inscrición aberto até o 28 de abril.
Os vídeos que se presentan ao certame deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons (licencia aberta, feita para produtos que se queren compartir e co requisito de acreditar de autoría), seren producidos en galego e estaren habilitados na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos (para videotitoriais que amosen como facer cousas) e Vídeo-opinarmos (para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema.
Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s, en palabras das ditas entidades, “ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo, a segunda con meirande nivel de uso despois de Facebook, e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos”.

PUBLICIDADE