Youbeir@s 2019 encara este setembro a súa recta final

martes, 17 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O proxecto Youtubeir@s, destinado a converter YouTube e outras redes sociais en fervedoiros de creatividade audiovisual en galego, afronta este mes de setembro a recta final da súa terceira edición. Segundo informa a organización (unha nutrida fronte común de entidades galegas formado polos concellos de A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña), o día 27 deste mes remata o prazo para inscribirnos nos premios coas nosas contribucións, que este ano repartirán 6.500 euros nas diferentes categorías do certame.
Amais, o 3 de outubro celébrase en Santiago o acto Lista de reprodución ao vivo, unha oportunidade para ver as facianas e escoitar os puntos de vista das creadoras e creadores que conforman a comunidade youtubeira, cada día maior e con mellores altofalantes.
A organización colectiva do concurso tamén informa que o certame Youtubeir@s foi recoñecido co galardón Mil Primaveras, concedido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, na categoría de proxecto máis innovador. Por certo que estes premios serán entregados oficialmente este sábado ás 11.30 h. nun acto que acollerá a Sala de Congresos do pazo da Cultura de Pontevedra.
Lista de reprodución ao vivo
Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e seareir@s, a Lista de reprodución ao vivo emula, segundo os impulsores do proxecto, “ás bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas”, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, a segunda fase abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal. O prazo remata o 30 de setembro. A cita será o 3 de outubro entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela).
Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, a gran liña de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en YouTube en galego. A organización lembra que “cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición”. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Amais destas catro modalidades, entregaranse distincións á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, recoñecementos decididos todos por un xurado “de recoñecido prestixio” que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6.500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar en www.youtubeiras.gal.

PUBLICIDADE