YouTube ultima unha aplicación móbil para conexións móbiles lentas

mércores, 5 de abril do 2017 Marcus Fernández

O consumo de vídeo para usuarios en países en vías de desenvolvemento resulta complicado, dada a baixa calidade das súas redes de banda larga, e pensando neles dende Google levan un tempo traballando na versión en probas da aplicación YouTube Go, que ten aberta a inscrición para gozar desta ferramenta que promete achegar os contidos audiovisuais sen un elevado consumo de datos.
Así, con YouTube Go teremos unha vista preliminar de cada vídeo, permitindo que despois o usuario poida elixir a calidade coa que quere descargalo (informando do tamaño de cadanseu nivel de calidade), cando o acceso sexa moi lento permitirá que o usuario poida descargar os vídeos para velos cando estean completos e incluso facilitará compartir os vídeos con amigos e familiares sen facer uso de datos móbiles.
Estas prestacións parecen moi interesantes para usuarios de todo o mundo, pero polo momento limítase a territorios como a India, país nos que estiman que só o 30% da poboación ten acceso a conexións a máis de 4 Mbps. Haberá que agardar ao lanzamento final da aplicación para ver se é posible que usuarios europeos con malas conexións ou terminais de baixa gama poidan gozar desta ferramenta que pode resultar tan práctica como, por exemplo, Facebook Lite.
ACTUALIZACIÓN: A aplicación en probas xa está dispoñible en Google Play, aínda que polo momento só pode descargarse dende a India (aínda que circula pola Rede o correspondente APK para poder instalar a aplicación libremente).

PUBLICIDADE