YouTube facilitará a dobraxe de vídeos mediante IA

venres, 23 de xuño do 2023 Marcus Fernández

A canle de Amoeba Sisters xa está a probar a dobraxe automática dos seus contidos do inglés ao español

Este ano YouTube abriu a moitos creadores a posibilidade de publicar vídeos en varios idiomas, de xeito que os usuarios poden alternar entre as distintas pistas de audio e subtítulos como se estivésemos cun contido dunha plataforma de ficción por streaming, e agora está a levar isto un paso adiante, e no marco da VidCon anunciou que estaba a preparar a apertura do servizo de dobraxe mediante intelixencia artificial Aloud, co que confían na proliferación de contidos en múltiples linguas.
Até o momento, se un creador quería publicar un vídeo en varios idiomas, tiña que encargarse da dobraxe pola súa conta, pero Aloud, un servizo da incubadora interna de Google chamada Area 120, que transcribe os vídeos a texto para que logo poida revisarse e editarse a transcrición, para logo traducir de xeito automático o texto a diferentes idiomas e xerar a pista sonora con ese texto lido en voz alta, para que poidamos logo publicar o vídeo en varios idiomas.
Aloud funciona en inglés, español e portugués, pero xa está en probas noutras linguas (como o indonesio e o hindi), e pretende converterse nunha grande ferramenta para derrubar cancelas e facer que o contido chegue a públicos máis amplos.
Este servizo de dobraxe está a probarse con centos de creadores (podemos ver como, por exemplo, o empregan dende a canle de Amoeba Sisters), e a intención que actualmente teñen con esta ferramenta é que as traducións se poidan escoitar coa voz orixinal clonada e procurando manter o ton e incluso conseguindo a sincronización labial.

Vídeo no que explican o funcionamento de Aloud