YouTube estrea aplicación para Vision Pro

xoves, 12 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Sorprende que, mentres Disney+ deixa de reproducir contidos en 3D para desgraza dos usuarios de Apple Vision Pro, dende YouTube fagan xusto o contrario, e estreen aplicación oficial da súa plataforma para o visor de realidade estendida de Apple.
A nova aplicación permite reproducir todos os vídeos de YouTube, tanto os vídeos normais e os Shorts, como os vídeos estereoscópicos en 360 graos e os vídeos estereoscópicos en 180 graos, podendo incluso reproducir vídeos en 8K se contamos cun dispositivo Apple Vision Pro con procesador M5.
A aplicación de YouTube para Vision Pro permite introducirse no medio de contornos envolventes e tamén ofrece a posibilidade de fixar os vídeos ordinarios enfronte da vista dos usuarios, por se queren gozar da experiencia de reprodución deitados.
Con este lanzamento as Vision Pro melloran considerablemente, xa que abren a porta a unha morea de contidos, tanto planos como estereoscópicos, suplindo a principal eiva do visor de Apple (que continúa a ter moi poucos contidos que tiren proveito das súas posibilidades pese a levar xa 2 anos no mercado estadounidense).

A aplicación de YouTube para Vision Pro facilita a reprodución de vídeos envolventes