YouTube acolle un histórico acordo entre as linguas co-oficiais do Estado

martes, 26 de maio do 2020 Sonia Pena

As linguas co-oficiais do ámbito estatal veñen de construír a través das novas tecnoloxías da comunicación unha sólida canle de traballo en común. Así nolo contou este martes 26 de maio o Consello da Cultura Galega (CCG), que asinou un pioneiro convenio conxunto co Institut Ramón LLull, o Instituto Vasco Etxepare e o Instituto Cervantes. No acto, emitido a través da canle de YouTube do Instituto Cervantes, participaron a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero; a directora do Institut Ramón Llull, Iolanda Batallé, e a directora do Etxepare Euskal Institutua, Irene Larraza.
Trátase de promover a colaboración para impulsar a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. O acordo, o primeiro que asinan as catro entidades xuntas, baséase no quen teñen en común as ditas entidades: a defensa da diversidade cultural do conxunto de países-comunidades que integran o Estado.
“Somos institucións diversas pero é moito máis o que nos une que o que nos separa” asegurou Rosario Álvarez no acto de sinatura que se realizou de maneira dixital e que se emitiu, como dixemos, a través da canle de YouTube do Instituto Cervantes.
O acordo de colaboración subscrito ten unha vixencia de catro anos, que se ponde prorrogar. O protocolo foi asinado en galego, castelán, catalán e éuscaro e establece un marco de cooperación para participar en accións comúns que promovan, “dentro dos seus ámbitos de actuación e as súas posibilidades, as diferentes culturas e linguas propias do Estado español”.

PUBLICIDADE