Yaw VR engade movemento ás experiencias de realidade virtual

luns, 22 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Para conseguir unha maior inmersión en certas experiencias de realidade virtual está a recadar fondos a través de Kickstarter un proxecto húngaro chamado Yaw VR, e que consiste nun simulador de movemento compacto, portátil e lixeiro que permite 3 graos de liberdade con dispositivos como as Gear VR de Samsung, Oculus Rift, HTC Vive e incluso PlayStation VR, o que sería especialmente atractivo para os amantes de simuladores de voo ou de carreiras de automóbiles.
Este produto ofértase a un prezo de 890 dólares (726 euros), pretende entregarse aos seus mecenas a partires do mes de agosto, e como principal atractivo ten o seu reducido tamaño de 74 centímetros de diámetro e 38 centímetros de alto cando está gardado, así como un peso de só 15 quilos.
Podemos definir a este produto como unha cadeira móbil para xogar e vivir experiencias de realidade virtual, que está deseñada para, por exemplo, poder colocarlle un volante para simuladores de condución, e que promete ser capaz de mover a persoas de até 190 centímetros de altura e 150 quilos de peso.
Unha interesante proposta para quen queira gozar de grande inmersión en certas experiencias sen ter que saír do seu fogar, e sen ter que acaparar un grande espazo para tal fin.

Os responsables deste proxecto levaron un dos seus prototipos a Las Vegas na pasada edición do CES

Vídeo promocional da campaña de micromecenado de Yaw VR

PUBLICIDADE