Yahoo! pon o seu Chuza! a disposición de todos os internautas

martes, 19 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Yahoo! leva xa meses bebendo das mesmas fontes que a rede galega Chuza!, que a portuguesa Diga Cultura ou que a francesa Fuzz. Ou sexa: que para poñer en marcha Yahoo Buzz, serviuse dos modelos que inspiraron a posta en marcha de todo de tipo de canles en liña de noticias onde son os propios usuarios os que deciden o que se publica e os que valoran o que se publica. Con todo, a proposta do buscador ten certas particularidades que a afastan doutras redes do mesmo pau. Para comezar (era máis ou menos previsible), a posibilidade de negocio concorre en igualdade de condicións que o compromiso por acadar unha información de calidade. Ou mellor incluso. A idea é, neste senso, competir con Digg, que segue a ser líder en EE UU.
Pero hai outra particularidade: o servizo de Yahoo! foi de menos a máis dende o punto de vista participativo. Segundo se sinala en Webware (blog especializado nos segredos da Internet), a gran novidade é que se amplía o número de usuarios que até o de agora podía achegar información a esta listaxe de noticia.
E non semella unha ampliación calquera: pasa de abrirse a 400 editores a facelo con toda a comunidade internauta. Só se precisa un requisito para participar e fornecer á web de contidos: ser un usuario rexistrado. O portal, asemade, anuncia que as informacións que sexan obxecto de meirande atención por parte dos internautas serán tamén habilitados na páxina principal do buscador. Para acadar isto, as ligazóns da nova en cuestión terán que estar vinculadas aos temas máis procurados dentro do propio motor de busca de Yahoo!, amais de ter obtido a meirande cantidade de votos no Yahoo Buzz. Polo de agora, o servizo só está dispoñible en inglés.

PUBLICIDADE