Xuventude presenta en sociedade a súa nova faciana web

martes, 7 de febreiro do 2017 Fernando Sarasketa

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, presentou hoxe a nova faciana web da Dirección Xeral, a páxina que o Goberno galego quere converter nunha das súas canles máis directas e participativas de comunicación coa mocidade. Na cita cos medios o conselleiro fixo saber que o gran obxectivo deste portal remodelado, en breve accesíbel a través de xuventude.gal, “é chegar máis e mellor á mocidade galega a través da Rede, un medio que prevalece entre a xente nova, e que vai sen dúbida a máis, tal e como demostran as últimas enquisas ao respecto”. A este respecto, Varela sinalou que a presenza das TIC entre a mocidade galega é hoxe en día “practicamente universal”. Esta foi a base da proposta: ir directamente onde está, obtén información e se comunica a nosa xente nova.
Da mesma maneira e seguindo con esta vontade de acurtar distancias, Rey Varela sinalou que dende o comezo do labor de remodelación quedou clara unha dobre necesidade: por unha banda a de adaptar plenamente a páxina aos novos xeitos (novos hábitos) das novas xeracións en materia de acceso á información (tabletas, smartphones, computadores portátiles) e, pola outra, a necesidade de reorganizar os datos acubillados, “dándolles máis visibilidade aos recursos máis demandados”. Neste senso o conselleiro sinalou que grazas á experiencia xerada este anos ao abeiro da anterior páxina web, a Dirección Xeral foi quen de enxergar claramente o máis demandado pola comunidade internauta galega, por exemplo as novas e as actividades, e foi tendo en conta este coñecemento acumulado como finalmente se artellaron e organizaron os contidos do novo portal. En conclusión, explicaron o conselleiro e a directora xeral, os datos estruturáronse “segundo as preferencias dos usuarios e os contidos máis vistos, acompañándose isto dun fortalecemento dos criterios de busca, o que fará máis doada a procura de información”.
Por certo que os traballos de renovación da comunicación en liña da Dirección Xeral tamén deixan pegada nas redes sociais, xa que o departamento da Xunta abriu dous novos sitios de seu nos servizos Twitter e Instagram. “As redes”, sinalou Rey Varela, “vannos permitir recibir achegas da nosa xuventude e estar en capacidade de escoitala de primeira man; este é un dos obxectivos fundamentais do proceso de remodelación”.

Deseño responsive

Como dixemos, os traballos de redeseño centráronse en parte en habilitar un portal que fose adaptábel a todos os dispositivos e contornas, e que tamén tivese a capacidade de adecuarse aos cambios nas tendencias de navegación. Segundo explicaron Rey Varela e Cecilia Váquez, tívose en conta que un 27% dos usuarios conéctanse á plataforma dende un dispositivo móbil; un 5% dende unha tableta e un 68% dende un ordenador.
En canto a potenciación dos criterios de busca, salientáronse tres: por franxa de idade, por localización xeográfica e por programas. Para isto tívose en conta que o acceso ao portal web por parte dos usuarios lévase a cabo nun 25% a través de buscadores (sobre todo Google); un 31% por redes sociais e un 38% mediante o acceso directo á web de Xuventude. Ademais as franxas horarias de mañá e de tarde durante as que se realizan máis visitas son: de 12:00 a 13:00 e de 20:00 a 23:00 horas. E, por outra banda,como cabe supoñer, o 78% do tráfico da web procede de Galicia.
No acto cos medios o responsábel da área social do Goberno galego ofreceu datos sobre “a cada vez maior influencia da páxina web e das plataformas sociais da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado”. Así, dende o ano 2009 o portal ten un incremento anual de case o 9% no número de usuarios, e dun 4,5% anual de aumento de visitas. “De feito”, dixo, “durante o período que comprende do ano 2009 ao 2017, visitaron a páxina un total de 2.772.374 usuarios, que chegaron a realizar máis de 6,3 millóns de visitas a 15,2 millóns de páxinas”. Asemade, engadiu que “só durante o pasado mes de xaneiro, a web recibiu un total de 35.252 visitas, realizadas por un total de 23.177 usuarios, un 61% deles novos con respecto ao período anterior”. Ademais, explicou, estes mais de 23.000 usuarios chegaron a 95.216 páxinas dentro de www.xuventude.net, unha media de 2,7 páxinas por persoa que dedicaron sobre dous minutos e medio á súa navegación.
Por último tamén houbo datos sobre a actividade previa nas redes sociais. Así, as publicacións da páxina oficial da Dirección Xeral de Xuventude en Facebook acadaron durante o mes de xaneiro un alcance de preto de 8.800 persoas cada día. “A 31 de xaneiro, o Facebook de Xuventude tiña 14.621 seareiros, 217 máis que ao comezo do mes”, engadiron.

PUBLICIDADE