Xuventude de Lugo lanza un concurso de curtametraxes para a mocidade confinada

venres, 24 de abril do 2020 S. P.

A Concellería de Xuventude de Lugo lanzou esta semana un concurso de curtametraxes para mobilizar o talento e as capacidades da mocidade durante o confinamento, achegándolles lecer, creatividade e, tamén, premios. “O que se pretende con esta iniciativa é animar á poboación xuvenil e dar opcións para que aproveiten as horas na casa realizando actividades que lles gusten ao tempo que desenvolven dotes artísticas”, explicou a edil Ana González Abelleira, engadindo que o certame inclúe tres galardóns, un por categoría. As contribucións poderán presentarse até o 10 de maio. Un xurado profesional emitirá o fallo antes do verán.
A edil, responsábel da área de Muller, Igualdade e Xuventude explicou que o certame está aberto a mozas e mozos de 14 a 35 anos empadroados en Lugo, que estuden ou traballen no municipio; existindo tres categorías, unha para rapaces e rapazas de 14 a 18, outra de 18 a 25 anos, e unha última de 26 a 35 anos. “As e os participantes compartirán a súa experiencia, inquietudes e reflexións ao redor da situación actual”, subliñou a concelleira que tamén indicou que serán excluídos aqueles traballos que teñan connotacións sexistas, xenófobas, racistas ou de índole ofensiva.
As curtas, que deberán ser orixinais e inéditas, deberán rodarse no domicilio con calquera dispositivo tecnolóxico non podendo superar o minuto de duración. Cada curta deberá ter un título (no caso de non empregar a lingua galega, deberá contar con subtítulos) e presentarase nos seguintes arquivos: MOV, MPEG4, AVI, WMV, MPEGPS, FLV, 3GPP, WebM.
Os traballos deberán achegarse antes das 21:00 horas do domingo, 10 de maio, e deberán remitirse por enderezo electrónico, en arquivo adxunto, a xuventude@lugo.gal. O tribunal, que estará formado por 3 membros do eido cultural e audiovisual do municipio, valorará preferentemente, ademais da calidade artística das obras, a orixinalidade e/ou imaxinación, así como o feito de abordar temas que enxalcen a solidariedade humana e a súa capacidade de supervivencia ante dificultades”, sinalou Ana González ao tempo que concluíu que o fallo darase a coñecer antes do verán e a entrega de premios anunciarase oportunamente. As bases poden verse na páxina web do Concello.

PUBLICIDADE