Xuventude de Lugo convoca un maratón fotográfico en Instagram

xoves, 8 de abril do 2021 S. P.

Xuventude do Concello de Lugo vén de convocar un maratón fotográfico na rede social Instagram, dirixido a premiar, visualizar e reivindicar o talento da mocidade lucense e a súa destreza técnica en materia fotográfica e tecnolóxica. A actividade forma parte das celebracións do décimo aniversario da Casa da Xuventude.
Segundo explicou a concelleira Ana González Abelleira, poden presentarse mozos e mozas de 14 a 35 anos, empadroados no Concello de Lugo, ou que traballen ou estuden no municipio, que teñan unha conta de Instagram pública.Tamén deberán seguir a conta de Xuventude en Instagram: @xuventude_lugo. As e os menores de 18 anos precisarán permiso dos pais, nais ou titores/as.
As imaxes deberán realizarse durante a celebración das distintas actividades que compoñen a programación de dito aniversario, ao longo desta fin de semana. As persoas interesadas poden realizar xa a inscrición na páxina web de xuventude, ata o día anterior ao inicio do maratón, é dicir ata este xoves, 8 de abril.
O xurado estará composto por profesionais do sector da fotografía que terán en conta parámetros como a creatividade, a orixinalidade e a calidade fotográfica. Establécese un único premio dunha fin de semana para dúas persoas nas Cabanas da Chousa, no Veral (Lugo). As bases poden consultarse en formato online.

PUBLICIDADE