Xunta e Vodafone unen forzas para promover tecnoloxías accesíbeis e universais dende o Gaiás

venres, 22 de xullo do 2016 Fernando Sarasketa

O acto de presentación do programa celebrado na Cidade da Cultura/ Imaxe de Xoán Crespo

O Pacto Dixital de Galicia, a alianza formalizada en 2013 para impulsar os investimentos e o desenvolvemento tecnolóxico na nosa terra, recibiu este 22 de xullo un novo pulo coa presentación da iniciativa Connecting for Good Galicia impulsada por Vodafone e o Goberno galego. A medida é a confirmación definitiva da aposta da dita operadora pola nosa terra, cun cariz marcadamente social e solidario, logo de que en 2014 se formalizase oficialmente a súa adhesión ao devandito Pacto Dixital. Esta alianza, como recordaremos, é unha fronte común a prol das TIC integrada pola Xunta e unha ducia de empresas referenciais do sector. Entre elas atópase HPE, da que falamos recentemente para informar doutro puntal do Pacto: a creación no Gaiás do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN). Con estas dúas iniciativas, sumadas a outras previas e outras que están por vir, o Goberno galego quere converter a Cidade da Cultura no corazón galego da innovación TIC.
Así o fixo saber na presentación de Connecting for Good Galicia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que salientou a vontade tecnolóxico-social da iniciativa e os seus obxectivos de inclusión e anti-fenda. De feito, dixo, trátase dunha medida ao servizos dos maiores, que son a cuarta parte da poboación galega, e ao servizo das máis de 300.000 persoas con diversidade funcional que hai na Comunidade. Para estes colectivos e en beneficio deles e de toda a sociedade por enteiro, Connecting for Good Galicia “impulsará iniciativas emprendedoras de innovación social dixital con selo e acento galego”, subliñou.
Nun plano máis concreto, dixo, esta nova colaboración entre Vodafone e a Administración autonómica “guiará e asesorará aqueles PEME e emprendedores que empreguen os avances tecnolóxicos para responder ás necesidades de dous grupos que, en ocasións, séntense excluídos destes avances”. Tamén fixo saber que os recursos tecnolóxicos que creen estas firmas poranse a disposición do mercado. Co obxectivo de converter isto nunha realidade palpábel, Connecting for Good contará con achegas por valor de preto de un millón de euros. “De cada convocatoria sairán seis proxectos que recibirán unha axuda do Goberno galego de 2.000 euros cada un, e optarán a un premio de 25.000 euros que concederemos ao mellor proxecto de cada convocatoria”, explicou, engadindo que Vodafone comprometeuse a fornecer outro galardón de 10.00’’ euros, o premio Conectados pola accesibilidade.
Amais do presidente da Xunta, no acto celebrado na Cidade da Cultura interveu tamén o presidente de Vodafone España, Francisco Román, que lembrou que o programa presentado “insírese no Paco Dixital de Galicia, subscrito por Vodafone, para converter a economía do coñecemento nun dos motores de Galicia no período 2013-2020”. Tamén recordou que Connecting for Good Galicia promove precisamente o coñecemento e o desenvolvemento de solucións innovadoras, pero facendo fincapé naquilo que promova a accesibilidade para todos os colectivos e ceibarlles de todo tipo de atrancos o camiño cara aos moitos beneficios das novas tecnoloxías. Román sinalou que o programa ten unha duración inicial de tres anos e que forma parte da gran aposta de Vodafone para o benestar social a través das TIC sen obstáculos e, tamén, para o pulo aos proxectos emprendedores en Galicia, “sobre todo se a súa finalidade é mellorar a vida cotiá das persoas maiores e persoas con algún tipo de diversidade funcional ou cognitiva”.

O método da iniciativa

O programa seleccionará os mellores proxectos encamiñados a resolver os devanditos retos sociais, con especial fincapé no ensino, na saúde ou na participación cidadá. Mediante tres convocatorias (a lanzar durante os vindeiros tres anos), elixiranse até un máximo de seis propostas en cada unha delas. Os gañadores de cada convocatoria poderán beneficiarse de sesións de formación e asesoramento, dun patrocinio de 2.000 euros por proxecto concedido pola Xunta así como de incentivos concedidos por Vodafone para a contratación de persoas en risco de exclusión. Román tamén lembrou os 25.000 euros en axudas ás que poderán optar as seis propostas de cada convocatoria, e os 10.000 do devandito premio Conectados pola Accesibilidade. A sede de Connecting for Good Galicia (na que poderán traballar os responsábeis das ditas ideas de negocio) será o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, en Santiago.

PUBLICIDADE