Xunta e Estado achegan 35 millóns de euros para a mellora da banda ancha

martes, 15 de maio do 2018 Redacción

Esta mañá no Parlamento galego a directora da AMTEGA, Mar Pereira, nunha comparecencia a petición propia para dar conta de dous anos de execución da Axenda Dixital de Galicia 2020, a segunda elaborada polo actual Goberno galego, deu conta de que o 74% dos galegos terá acceso a redes de 100 Mbps en 2020, 15 puntos máis que a porcentaxe actual. Este incremento será posible grazas as subvencións publicas a operadores concedidas no marco do Plan de Banda Larga da Xunta e das convocatorias do Estado. Cun investimento conxunto de 35 millóns de euros ambas administracións facilitarán o acceso á fibra óptica a 332.000 galegos que carecen desta cobertura.
A directora da AMTEGA destacou que a mellora da conectividade é unha prioridade desde 2009 para o actual Goberno galego, que elaborou o primeiro Plan Director de Banda Larga en 2010 para dotar de cobertura de Internet básica a todo o territorio galego. Neste sentido, destacou a esforzo que se fixo para estender a cobertura de 3G en 11.000 núcleos, un servizo que os operadores adxudicatarios teñen a obrigatoriedade de evolucionar durante dez anos. Esta medida contribuíu a que Galicia sexa a primeira comunidade con cobertura 3G do Estado e a cuarta en tecnoloxía 4G.
Mar Pereira incidiu na importancia da tecnoloxía sen fíos no rural galego, xa que permite o acceso á Rede e facilita a cobertura móbil, unha demanda das zonas rurais máis illadas, e que beneficia tanto a habitantes como a visitantes.

PUBLICIDADE