Xornal.com deixa de estar dispoñible na web

mércores, 19 de outubro do 2011 Marcus Fernández

JPEG - 33.2 KB
Xabier R. Blanco manifestou na Radio Galega a súa intención de retomar o proxecto xornalístico de Xornal

O pasado venres no programa A Crónica da Radio Galega comentaban que un dos participantes no seu faladoiro, o xornalista Xabier R. Blanco recoñecía vir de asinar o seu finiquito en Xornal de Galicia, ao que el mesmo engadía que “en 2-3 meses (..) un grupo de xornalistas (..) vamos a intentar seguir facendo periodismo”, ou sexa, que “non é que morra Xornal senón renace”, polo que os profesionais do medio poderían volver a exercer as súas funcións nun futuro proxecto sen concretar, pero mentres, puidemos ver como Xornal.com ía esmorecendo, e, como deron conta en Culturagalega.org o pasado luns, deixou de actualizarse a páxina web para quedar totalmente inaccesible hoxe mesmo (aínda que é posible acceder a unha copia de proba da mesma que data do 27 de setembro).
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) non só amosou o seu pesar pola desaparición da publicación, senón que tamén critica o feito de que a súa presenza en liña véxase erradicada, cando outros proxectos máis modestos como Vieiros continúan conxelados na web para a súa consulta histórica, pois a desactivación de Xornal.com como páxina web supón a perda de todo o publicado no medio durante 13 anos, polo que piden que se manteña tal hemeroteca, para o que aseguran que tanto o Consello da Cultura Galega como o propio Colexio ofreceron a súa colaboración para manter tal patrimonio informativo.
Tamén lamentan que a páxina web de A Nosa Terra padecese o mesmo destino, pois en ambos casos quedamos sen garantías de que os contidos publicados nos últimos anos vaian estar dispoñibles para consultas futuras para investigacións ou como simple curiosidade.
Dende o CPXG instan a que, de non poderse asumir o gasto do mantemento histórico dos contidos na Internet por parte dos medios desaparecidos, que cando menos depositen tal patrimonio en institucións públicas para a súa conservación (para que poida estar dispoñible para os cidadáns na Internet ou nun arquivo dixital).

PUBLICIDADE