Xornada en Melide para informar das vantaxes de AinfoVac nas explotacións agrogandeiras

xoves, 12 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Captura da ferramenta AinfoVac, software libre en galego de Ainfogra

O vindeiro 19 de abril, xoves, a Cooperativa Melisanto vai acoller unha xornada informativa para dar conta, no ámbito do noso rural, das vantaxes de empregar a fondo as ferramentas informáticas para a xestión, o control e a comunicación das actividades vinculadas ao sector agrogandeiro. Máis polo miúdo, a xornada servirá para informar en todo detalle da aplicación de explotacións rurais AinfoVac. O evento dará comezo na Cooperativa (Melide) ás 12 horas, e será impartido por José Manuel Campos, director técnico de Ainfogra, e Rafael Rodríguez Gaioso, presidente de MeLiSA, contándose coa colaboración da Cooperativa Melisanto, ASETEM e o Concello de Melide.
Segundo nos informan os compañeiros de MeLiSA (asociación melidense para a difusión da programación aberta da que falamos recentemente con motivo da súa presenza activa en Voluntariado Dixital), o acto está dirixido a todas aquelas persoas interesadas en coñecer de primeira man as características desta aplicación informática, e especialmente aos propietarios de explotacións agrogandeiras.
Lembrar que AinfoVac é software libre, en galego, desenvolvido en boa medida para a xestión da actividade agrogandeira abranguendo tódolos seus procesos produtivos. Vén da man do proxecto Ainfogra, Aula Informática Agraria, e conta entre outras cousas con módulos de facturación, xestión de compras e ventas, rexistro de animais, control xenético, control de cultivos, alimentación, vacinación, etc.Esta aplicación distribúese baixo unha licenza libre que permite o seu uso, copia e modificación, así como a distribución gratuíta.

PUBLICIDADE