Xorden os primeiros problemas cos novos iPhone

martes, 25 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O pasado venres chegaron ás tendas o iPhone Xs e Xs Max, e semella que os medios especializados están a esforzarse en atopar o escándalo case tradicional do último grande lanzamento de Apple, destacando detalles que posiblemente respondan a versións do software dos teléfonos aínda sen optimizar, pois cómpre lembrar que incluso hai funcionalidades dos novos teléfonos (como algunhas funcións de cámara e o uso de eSIM) que non está previsto que estean dispoñibles até dentro dun par de meses.
Por unha banda, durante a fin de semana xurdiron moitos usuarios queixándose de que os novos smartphones presentaban mala cobertura tanto en Wi-Fi como en 4G, con independencia do operador de telecomunicacións empregado, no que xa hai quen considera que é un novo Antennagate, aínda que aseguran que é moi probable que os problemas detectados poidan arranxarse mediante unha actualización dos terminais.
Estamos ante uns fallos bastante curiosos, xa que os novos iPhone conseguen velocidades máximas maiores que as dos seus predecesores, de xeito que terán que analizar os casos nos que a mala cobertura pode converterse nun problema, para paliar a situación, mentres que non faltan usuarios que comentan as melloras de velocidade con boa cobertura.
Outra das polémicas que está a desatarse é ao redor da duración da batería dos novos smartphones, simplemente por contrastar coas declaracións de Apple ao anuncialos, xa que asegurábase que tiñan maior autonomía que os seus predecesores, e as probas en navegación web realizadas rexistran xusto o contrario, aínda que sen estarmos ante uns resultados alarmantes.
As probas realizadas por Tom’s Guide situarían ao iPhone Xs Max por debaixo en autonomía con respecto aos seus competidores máis directos (o Galaxy Note9, o Pixel 2 XL, o Huawei P20 Pro e mesmo o OnePlus 6), aínda que o despece dos móbiles realizado por iFixit podería resultar chave á hora de analizar este aspecto, xa que desvelan que o iPhone Xs ten unha batería de 2.659 mAh e o iPhone Xs Max conta cunha batería de 3.179 mAh, mentres que o iPhone X do ano pasado tiña unha batería cunha capacidade de 2.716 mAh, ou sexa, que en moitos escenarios semella razoable que o iPhone Xs presente autonomías inferiores ás do iPhone X (por ter unha batería menor), mentres que o incremento do tamaño de pantalla do iPhone Xs Max tamén podería xogar na súa contra en determinadas situacións á hora de comparar a súa autonomía co iPhone X. Haberá que agardar a máis probas para ver se estamos nun caso xeral ou nalgo sumamente puntual.
Pero non todas as análises poñen en dúbida as bondades dos novos iPhone, senón que a nivel de cámara tamén hai quen defende ao iPhone Xs, que mudou moi pouco fronte á anterior xeración, pero que podería ser dabondo para, por exemplo, pórse á altura do Samsung Galaxy Note9. De feito, nunha comparativa elaborada por Tom’s Hardware destacan que a cámara do móbil de Apple superaría ao de Samsung na meirande parte de escenarios, especialmente grazas á incorporación do Smart HDR, mentres que Samsung continuaría a disparar mellores instantáneas en contornos con pouca luminosidade (confirmando que comprar cámaras de móbiles non é un proceso doado).

PUBLICIDADE