Xorde Chío! para ultimar o Twitter en galego fomentando as votacións aos termos traducidos
xoves, 3 de xaneiro do 2013
As voluntarias e
voluntarios están a responder aos
máis recentes chamamentos e a tradución ao galego de Twitter
semella que xa está practicamente rematada. A pregunta que nos
podemos facer é: que falta logo para podermos gozar da lingua propia
entre as máis de 20 coas que se presenta ante o mundo o devandito
servizo 2.0? Pois
basicamente votacións e algo de revisión. Así nolo recorda
unha sección do equipo de voluntarios dende un portal acabado de
crear: Chío! O
obxectivo desta web é, para entendérmonos, darlle azos ao proceso e
facer realidade a agardada e devecida versión en galego da
ferramenta.
Máis polo miúdo, e en
palabras dos responsábeis desta nova iniciativa, do que se trata é
“de informar e axudar a finalizar a tradución do Twitter ao
galego, como desenvolver novas iniciativas co fin de dar difusión da
nosa lingua polos distintos ámbitos ou fomentar a participación dos
e das interesadas en achegar o seu pequeno gran de area a esta causa,
mediante as súas iniciativas ou opinións”.
Os
membros de Chío! xa están arestora en activo, e como primeira
medida da que informar, alén da posta en marcha do seu portal,
contan que xa se puxeron en contacto co servizo técnico do Centro de
Tradución e que, a raíz da conversa, quedou claro que se o servizo
aínda non está na nosa lingua é porque non hai votacións de
abondo polos termos traducidos. Así, “só falta que un
gran número de tradutores/as voten ou melloren as traducións
realizadas ata agora, para dar paso o último paso e rematar a
tradución”. E engaden: “Que o Centro de Tradución aínda
estea aberto, ofrece a oportunidade a calquera galego/a para
colaborar directamente cun proceso de tradución que se poderá
empregar a nivel global”.