Xoia e Impresión 3D Atlántico mostran o potencial da realidade virtual e a impresión 3D

martes, 12 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) na Coruña acolleu este martes dúas sesións formativas encadradas no programa da súa Oficina de Transformación Dixital (OTD), que o colexio presentou os días pasados en Lugo e máis en Santiago. A primeira das sesións de hoxe centrouse na tecnoloxía de realidade virtual, mentres que a segunda tratou as utilidades da impresión 3D.
Xoel Vázquez Dios, director executivo (CEO) de Xoia Software, falou sobre como aplicar a realidade aumentada e virtual a sectores como a Industria 4.0, a venda ao detalle (retail) ou o turismo. Ao fío disto e para ilustrar as posibilidades das ditas tecnoloxías mostrou un proxecto desenvolvido pola súa empresa, que utilizou este tipo de recursos innovadores para “musealizar xacementos arqueolóxicos”. Vázquez Dios salientou que a realidade aumentada e virtual “axuda non só a mellorar procedementos internos, senón tamén a optimizar a canle de venda ou mesmo a aforrar custos na formación de técnicos e operarios”. En definitiva, dixo, trátase “de ferramentas cunha manchea de utilidades que se poden pór ao servizo das PEME”.
A segunda sesión formativa da mañá correu a cargo de Guillermo Blanco, enxeñeiro industrial xerente da empresa galega Impresión 3D Atlántico. Durante a súa intervención, o relator sinalou que “a impresión 3D é unha ferramenta máis ao servizo da empresa e calquera profesional ou empresas son susceptíbeis de seren usuarios”. Na súa opinión, esta tecnoloxía é unha vantaxe competitiva importante para a empresa e converterase “nunha ferramenta común co paso do tempo, xa que permite pensar de forma máis complexa e buscar solucións”.
124 accións nos vindeiros meses
As actividades de hoxe enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ao sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE