Xiaomi presenta unha tecnoloxía de carga sen fíos a 80 watts

luns, 19 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Continúa a carreira pola carga rápida en móbiles, e Xiaomi aborda agora a carga por indución anunciando unha nova tecnoloxía de carga sen fíos de 80 watts, o que supón un grande salto sobre os 30 watts de carga sen fíos presentados o ano pasado e quedando a unha longa distancia dos 15 watts da carga sen fíos dos iPhone 12 con MagSafe.
Coa tecnoloxía Mi Wireless Charging de 80 watts é posible completar o 10% da carga dunha batería de 4.000 mAh en só 1 minuto, chegar até o 50% da mesma en 8 minutos e cargala completamente en 19 minutos, o que supón un grande salto fronte á tecnoloxía do ano pasado, que precisaba de 25 minutos para cargar a batería pola metade e 69 minutos para unha carga completa.
Durante os últimos meses Xiaomi foi introducindo tecnoloxías de carga sen fíos de 40, 50 e 80 watts, demostrando a marxe de mellora que ten este tipo de carga, e non falamos de tecnoloxías de laboratorio, senón de aplicacións en produtos reais, como o Mi 10 Ultra, que conta con carga sen fíos de 50 watts e carga con cable de 120 watts, polo que é un grande exemplo do que dan de si as tecnoloxías de carga rápida, que están a contrastar coa tendencia de incorporar baterías de grande capacidade, xa que a redución dos tempos de carga fai que a capacidade das baterías deixe de ser un problema, mudando drasticamente os hábitos de carga, xa que en vez de deixar o móbil cargando toda a noite agora chega con conectalo a corrente en tempos mortos.

PUBLICIDADE